Un total de 75 exemplares de gando vacuno da provincia participaron na Feira da Tenreira Galega de Láncara

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
Por segundo ano consecutivo, Acruga celebrou unha poxa con xatas preñadas da Granxa Gayoso Castro
Feira-da-Tenreira-de-Láncara-2025
2 May 2025

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega estivo moi presente na Feira da Tenreira Galega, celebrada na Pobra de San Xillao, en Láncara. Como é habitual, Acruga participou na mostra exposición, coa presenza de ata 75 excelentes exemplares da raza, pertencentes a algunhas das ganderías e explotacións máis premiadas da provincia. Ao mesmo tempo, e por segundo ano consecutivo, Acruga celebrou unha poxa de xatas preñadas da granxa Gayoso Castro. Os tres animais vendéronse ao prezo de 2.700 euros, é dicir 400 euros por encima do prezo de saída.

No que respecta ao concurso, 75 exemplares dalgunhas das ganderías máis destacadas e premiadas da provincia, competiron para facerse con algún dos premios nas distintas categorías. Destaca a explotación de José Antonio Ferreiro Palacios, situada no Corgo, que gañou tres primeiros premios en tres das seis categorías totais. Esta gandería do Corgo venceu nos apartados de crías de 0 a 10 meses; xatas de 11 a 24 meses; e vacas maiores de dous anos. Curiosamente, a primeira posición nas tres categorías restantes foron para a gandería Da Morena, de Friol, que cos seus exemplares logrou a primeira posición nas categorías de xatos de 11 a 24 meses; sementais de máis de dous anos e mellor lote.

Os podios nestas tres categorías completáronse con tres segundos premios para a gandería de Manuel López Quiroga, de Samos, que logrou esta segunda posición en categorías como a de sementais e que tamén conseguiu dous terceiros premios. Pola súa banda, a gandería Santalla, tamén do municipio do Corgo, obtivo un total de catro premios, mentres que a explotación de Javier Santalla Prado fíxose co segundo posto en xatas de 11 a 24 meses.

En total, no concurso tomaron parte uns 75 exemplares, entre crías, xatas, xatos, vacas paridas e sementais, pertencentes a cinco ganderías do Corgo, Samos e Friol.

Tanto a poxa como a exposición de Láncara abriron ao grande a actividade de Acruga para un mes de maio, que concentrará outras grandes citas para a Raza Rubia Galega e para os responsables de ganderías e explotacións que queiran adquirir xatas preñadas de alta calidade. Así, o próximo día 11, poderanse adquirir exemplares de loura galega na feira de Cervantes, mentres que un día despois, está programada unha nova poxa no recinto feiral de Sarria. Ademais, para o 17 de maio, Acruga ten programada a súa participación nunha feira que cada ano gaña enteiros e na que os exemplares de loura adoitan lograr altas cotizacións, como é a poxa do Courel.

O presidente de Acruga, que asistiu á feira de Láncara en compañía de varios alcaldes e deputados provinciais da zona, mostrouse satisfeito pola ampla presenza da Raza Rubia Galega, coa que, dixo"contribuímos a seguir adiante con ese importante labor de promoción e de difusión das virtudes e grandes calidades da nosa raza, como parte dos obxectivos nos que traballamos desde Acruga".

⚙ Configurar cookies
0.17117691040039