Un veciño de Cervo conqueriu, por 90 euros, o asno que se subastou no Valadouro
O asno que foi atopado merodeando pola parroquia valadourense de Budián hai uns días e que foi subastado este venres no Concello, xa ten un fogar. Foron catro as persoas que acodiron á poxa por este animal, que segundo algúns consultados é un burro polo que poucos quedan. A subasta partía dos 50 euros e un cervense de Rúa conqueríuno ao pagar por el 90 euros. Ademais trátase dun adoptante con recursos que acreditou poder coidar del, xa que se ocupa doutros animais na súa finca, como se ve na imaxe.
Tras atopalo sen rumbo e despois de comprobar que carecía de chip, o edil Iago Fernández confirmou que foron avisados ao respecto polos axentes do Seprona e que estes lles recomendaron mantelo durante dez días por ver se aparecía o dono. E así estivo o asno na gandeiría Balseiro ata a subasta, porque, dadas as dimensións do refuxio municipal, non podían acollelo doutro xeito.
Un bando informou da subasta e indicaban dende o Concello que a res estaba tasada en 50 euros. "Subastarase polo sistema de propostas abertas o "pujas a la llana" resultando adxudicatario o mellor postor", matizaban e deron cumplimento deste xeito ao Decreto 142/2012, de 14 de xuño, que establece as normas de identificación e ordeación zoosanitaria dos equinos en Galicia.
Dende o Concello recoñecen que por un intre case pensaron que ían ter que quedar con el ou o alcalde ou algún concelleiro, aínda que non sabían como.