Un Vilalbés renovado inicia ante o Deportivo a pretempada
O Vilalbés inicia este sábado, co tradicional partido ante o Deportivo, a tempada 2022/23 cun equipo renovado que foi presentado onte no estadio da Magdalena.
O conxunto chairego, que milita na Terceira División, abre a tempada con 16 xogadores e de novo dirixido por Simón Lamas, que estará acompañado no banco por Juan Rodríguez, como segundo adestrador; David Otero, como preparador físico; María López, como fisioterapeuta, e Xandre Vázquez, como adestrador de porteiros.
O Vilalbés encara esta tempada con moitas renovacións, como as de López, Javi Varela, José Varela, Make, Buyo, Vérez, Cuadrado, Javi Rey e Rares.
A estes súmanse as caras novas de Álex Santomé e Bugy, ambos os dous porteiros procedentes do Marbella e do Fisterra, respectivamente. Tamén se incorpora dende o Compostela o defensa Joel López; o mediapunta Pablo Rey do Somozas e o extremo esquerdo Álex Pérez dende o Choco. Tamén procedentes do Somozas súmanse os dianteiros Santi Gegunde e Marcos Álvarez. Finalmente, Ale Espeso, do Spórting San José estará a proba.
Finalmente, o Vilalbés comfirmou que este ano contarán cun equipo filial mentres Cadra e Ferreiro incorpóranse ao sénior dende a categoría xuvenil, na que Noel, Miguel Rivas, Yago Miguélez, Hugo Fernández Álex Gimeno e Toni Méndez adestran tamén como reforzo.
No capítulo de baixas, deixaron o equipo o porteiro Ángel Fraga por motivos laborais, Otero, Dani Pedrosa que vai ao Bergantiños, Javi Rumbo, Ángel Casanova, Alberto e Jorge Tomé.
DEPORTIVO
Este sábado terá lugar, a partir das 18.30 horas, o duelo de pretempada entre o Deportivo e o Vilalbés, que se enfrontarán no estadio da Magdalena nun partido no que os socios teñen a entrada gratuíta e os non socios deberán pagar 10 euros.