Unanimidade do Parlamento Galego para reclamar a totalidade do servizo no consultorio de Parga
O BNG acada a unanimidade da Cámara para solicitar ao Goberno do PP a fin dos recortes de persoal no centro de saúde de Parga, para que así volva contar cos mesmos efectivos que tiña antes da pandemia. En concreto, a Xunta suprimiu un dos dous médicos cos que contaba o centro para atender á veciñanza e eliminou un día de asistencia á semana. Deste modo, haberá atención médica e de enfermaría durante catro días á semana (de luns a xoves) contra os cinco que tiña antes da pandemia pero dous máis dos que anunciaron a pasada semana que ía ter a partir de agora.
A deputada por Lugo, Carme Aira, explicou que coa chegada da pandemia “optouse polo peche de centros, entre eles o de Parga”, pero a cuestión é que a reapertura se produce cun recorte no persoal sanitario, de tal xeito que hoxe este centro de saúde está “mutilado”, pois reabriu cunha única enfermeira e un médico dous días á semana, cando antes exercían dous facultativos.
Estes recortes, denunciou Aira, provocan numerosos inconvenientes para as 1.500 usuarias do centro de Parga, que pasan a depender aínda máis do centro médico de Guitiriz debido a sistemática política de recortes do PP, “que provoca falta de profesionais e a perda da calidade asistencial”. De feito, esta situación de recortes que soporta o centro de saúde de Parga é denominador común en atención primaria, o que ten motivado a mobilización da poboación ao longo e ancho de Galiza
Aira subliña o alto nivel de envellecemento da poboación en moitos concellos, tamén na provincia de Lugo, “sen que a Consellería de Sanidade lle preste atención ás súas lexítimas reclamacións”. A deputada cualificou como “solución parcial e disimulatoria” a reapertura do centro de Parga con recortes de persoal, un caso que se repite noutros concellos da provincia, e citou como exemplo o consultorio do Castro, en Carballedo, - “que o PP pechou por non querer facer as obras necesarias para recuperar o edificio”-, ou o consultorio de Guitiriz co recorte dun facultativo.
A parlamentaria nacionalista incidiu na necesidade “dun servizo de saúde de proximidade” e criticou á Consellería de Sanidade por forzar ás persoas maiores “a facer un gasto extraordinario que afecta ás súas pensións, gasto que é maior canto maior é a súa doenza”. Aira advertiu que o BNG “seguirá traendo máis iniciativas para defender a atención sanitaria pública e de proximidade porque aínda quedan moitos centros de atención primaria sen abrir”.
PARTIDO POPULAR
O voto favorable do Grupo Popular foi xustificado porque “xa se está cumprindo coa súa apertura de forma progresiva” e, polo tanto, “o BNG chega tarde coa súa reclamación” segundo destacou a deputada lucense e voceira de Sanidade do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Encarna Amigo.
A popular incidiu en que “o consultorio de Parga nunca correu ningún perigo de peche” porque “o compromiso coa súa continuidade é firme e así foi trasladado aos veciños en varias reunións”. De feito, “está recuperando a súa actividade asistencial de forma progresiva, pouco a pouco, ata chegar á normalidade”. O consultorio reabriu o pasado 4 de outubro prestando servizo martes e xoves e, a partir do luns día 24, a atención aumentarase dos dous aos catro días por semana.
Nese momento, a xerencia da área sanitaria explicaba que o consultorio de Parga se volvería a abrir para poder atender aí aos doentes da localidade e das catro parroquias da súa contorna “cando se resolvera a situación máis aguda do estado pandémico. E agora está funcionando, tal e como nos comprometemos”, subliña a deputada lucense.