Unanimidade do Pleno de Outeiro de Rei para integrarse na Rede de Entidades Locais Gandeiro-Cárnica

LugoXa | TerraChaXa
Tamén deuse luz verde á creación dun viveiro de empresas fronte ao industrial existente na actualidade
pleno-outeiro-de-rei
27 Jun 2025

O Concello de Outeiro de Rei celebrou o seu pleno ordinario no que se aprobou a proposta de creación dun viveiro empresarial, complementario ao viveiro industrial xa existente, co obxectivo de atraer empresas de diferentes sectores ao municipio. A proposta foi aprobada con nove votos a favor, unha abstención e tres edís que non exerceron o seu voto.

No expediente relativo ao Xulgado de Paz, o pleno abordou o nomeamento do xurado substituto, que foi aprobado con dez votos a favor e tres abstencións.

En relación á moción presentada polo BNG para a creación dunha mesa de traballo que permita elaborar propostas laborais "ante o saldo vexetativo negativo e a perda de poboación nova no municipio", o alcalde defendeu que Outeiro de Rei é un dos concellos da provincia de Lugo que máis incrementou a súa poboación nos últimos vinte anos, "cun aumento do 25 %", e subliñou que "o goberno local traballa diariamente para mellorar nestes aspectos". Finalmente, a moción foi rexeitada con nove votos en contra e catro a favor.

Tamén se tratou a moción presentada polo PSOE para a adhesión do concello á Rede ELGC (Entidades Locais Gandeiro-Cárnicas). O goberno local valorou positivamente esta proposta como unha oportunidade para apoiar o sector gandeiro no municipio ante o seu descenso e fomentar o desenvolvemento do rural, resultando aprobada con dez votos a favor e tres abstencións.

A voceira socialista, María del Carmen Acacio, celebrou o apoio da maioría da corporación municipal e destacou que esta iniciativa supón “un paso importante para fortalecer institucionalmente o noso tecido agrogandeiro e avanzar na defensa do rural, da man das doutras administración e da colaboración público-privada”.

“No noso concello existen máis de 160 explotacións de gando bovino e máis de 70 de ovino e caprino, unha actividade esencial para fixar poboación, manter o territorio e garantir a soberanía alimentaria. Facemos esta moción pensando nas explotacións familiares do noso municipio, nas xeracións que están ao fronte e nas que veñen detrás”, engadiu a voceira.

A Rede Gandeiro-Cárnica foi creada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e xa conta coa adhesión de 60 concellos e 14 deputacións de toda España. Actualmente só dous municipios galegos forman parte dela: Aranga (A Coruña) e Pedrafita do Cebreiro (Lugo). A adhesión de Outeiro de Rei permitiría ao municipio formar parte dunha rede cooperativa que suma forzas entre entidades locais de diferentes signos políticos e empresas do sector.

Por último, debateuse a moción presentada polo Grupo Municipal Popular en defensa do Estado democrático e de dereito e en repulsa á corrupción que, segundo os populares, afecta á contorna persoal e política do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. O texto recollía, entre outros puntos, o rexeitamento expreso á corrupción no seo do PSOE, a condena aos ataques á xustiza e aos medios de comunicación, a esixencia de depuración de responsabilidades e a solicitude de disolución das cortes para a convocatoria de eleccións xerais. Esta moción foi aprobada con nove votos a favor, un en contra e tres abstencións.

 

⚙ Configurar cookies
0.13291692733765