Unanimidade na Deputación para reclamar medidas urxentes para Alcoa

TerraChaXa | LugoXa
30 Oct 2019

A Deputación de Lugo reclamará medidas urxentes para garantir o futuro de Alcoa en San Cibrao e da central térmica de Endesa nas Pontes. Así o acordou este martes o Pleno, no que destacou a unanimidade de todos os grupos políticos para sacar adiante cuestións de calado para a provincia. Deste xeito, aprobouse ademais, co consenso de PSdeG, BNG e PP, a reclamación dunha Autoridade Portuaria propia para o porto de San Cibrao, impulsada polo Grupo Provincial Socialista, así como a esixencia de melloras nas dotacións de persoal e horarios para as ambulancias de Foz e de Monforte. Á sesión plenaria acudiron representantes municipais dos concellos afectados pola problemática industrial, así como da Federación de Veciños e da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), entidades que reivindican a Autoridade Portuaria de Lugo.

Respecto do futuro da planta de aluminio que Alcoa ten en San Cibrao e do da central térmica de Endesa nas Pontes, a Corporación da Deputación de Lugo votou a favor de reclamar medidas de carácter urxente á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado para garantir a súa viabilidade. O acordo unánime chegou logo da proposta do Goberno que defendeu a Deputada María Loureiro. A socialista recalcou a importancia das dúas compañías para o futuro económico da provincia e lembrou que o Executivo tivo que levar esta proposta ao Pleno porque o Partido Popular non quixo na anterior sesión incluír nunha moción a responsabilidade da Xunta na política industrial, cando o Estatuto de Autonomía, no seu artigo 30, lle confire as competencias neste eido.

“Equivocan ao responsable”, rebateu o Presidente da Deputación, José Tomé, á bancada popular. O mandatario provincial argumentou que Pedro Sánchez, a pesar de levar menos dun ano con plenos poderes no Goberno de España, arranxou o problema de Alcoa na Coruña e está tomando medidas para corrixir as dificultades da compañía en Lugo. “E que fai o señor Feijoo? Andou de paxaro de mal agoiro dicindo que a Alcoa Coruña non a ía comprar ninguén, sementando pánico entre os traballadores”. “Por que non nos explican vostedes cales son os compromisos da Xunta e do señor Feijóo con Alcoa e coas Pontes? Porque eu vexo outros gobernos autonómicos que si se comprometen coas súas industrias. Cal é a política industrial da Xunta de Galicia? Como aplican o articulo 30 do Estatuto de Autonomía que sinala as competencias propias nesta materia?”, preguntaba Tomé aos deputados do Partido Popular.

O Presidente da Deputación dixo que de Alberto Núñez Feijóo non se pode esperar “nada de nada, porque só sabe criticar, contar contos e sacar fotos. Esa é a triloxía do señor Feijóo, pero de medidas económicas para sacarnos dos problemas, cero. Agora ocórreselle dicir que vai facer un plan de reindustrialización. Onde está? Que leva dez anos no goberno. Díganlle ao señor Feijóo que menos palabras, menos fotos e máis feitos”.

A Corporación Provincial acordou, tamén por unanimidade, que a Deputación de Lugo defenda a necesidade dunha Autoridade Portuaria propia para Lugo, logo da moción do Grupo Socialista. A institución reclamará ao Goberno central, no momento no que teña as competencias plenas despois das eleccións, a creación para o porto de San Cibrao dun organismo de xestión independente. 

A Deputada Mayra García sostivo que Lugo é a única provincia marítima do Estado cun porto de interese xeral que non ten autoridade propia e que “é o momento de retomar esta demanda e rematar así cunha anomalía do sistema portuario español”. Segundo recalcou, “é fundamental, para garantir a supervivencia económica da comarca contar cun activo económico da importancia do porto de San Cibrao. Unha infraestrutura que cunha xerencia propia podería abrirse a novas posibilidades económicas, novos tráficos comerciais, e a unha maior implicación coa súa contorna”.

A proposta socialista saíu adiante cunha emenda de engádega do BNG, que, segundo explicou o voceiro desta formación, Efrén Castro, propuxo a apertura ao tráfico comercial do dique norte e, en tanto non se crea a Autoridade Portuaria, o reequilibrio de poderes na actual entidade de xestión de San Cibrao-Ferrol para que Lugo teña un maior peso á hora de decidir os investimentos. 

A Corporación aprobou así mesmo, a proposta dos socialistas, esixir melloras á Xunta de Galicia nas dotacións de persoal e nos horarios das ambulancias de Foz e de Monforte. A moción do PSdeG contou co respaldo de todos os grupos políticos con representación na Deputación de Lugo e puxo en evidencia as discriminacións que sofre a provincia de Lugo en materia sanitaria. “Os lucenses estamos a pagar a mala xestión sanitaria da Xunta de Galicia, que insiste en sinalarnos como cidadáns de segunda”, argumentou Pilar García Porto. A voceira socialista do Goberno remarcou as deficiencias nas ambulancias con base en Foz e en Monforte, que non contan, dixo, con todos os medios esixidos para dar unha óptima atención no servizo.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16777181625366