Unanimidade no Parlamento á proposta do BNG para axilizar os trámites e a construción do polígono industrial de Muras

A proposta do BNG, o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha iniciativa para “instar á Xunta a implicarse no desenvolvemento do polígono industrial de Muras, axilizando os procesos administrativos para comezar canto antes a súa construción”.
O deputado da Mariña, Dani Castro, foi o encargado de defender a iniciativa na Comisión 6ª, na que instou o Goberno do PP a deixar de “poñer paos nas rodas” e impulsar dunha vez o parque, que o Concello demanda desde hai anos e que teñen solicitado expresamente empresas asentadas na zona.
En concreto, Castro referiuse a “dúas potentes empresas do sector do plástico” que xa teñen manifestado que precisan máis metros cadrados para desenvolver a súa actividade económica e que, namentres non se saca adiante o polígono, teñen que conformarse con “ir mercando as poucas finquiñas que teñen arredor”.
O BNG levou de novo a debate a reclamación de impulsar o polígono tras votar en contra o PP a unha iniciativa similar en 2022 e despois de anos de “comportamento un tanto estraño” por parte da Xunta, criticou o deputado nacionalista, lembrando que o Concello de Muras solicitou formalmente o polígono en 2018 e que desde entón o que fixo de xeito recorrente o Executivo galego foi pedir “informes e máis informes” que acababan “paralizando” o proxecto.
O deputado do BNG subliñou así mesmo o importante que é o polígono non só para Muras, un concello de tan só 600 habitantes pero cunha importante actividade ligada ao sector eólico, senón para o futuro de toda a comarca da Mariña na que, segundo datos da propia Xunta, se perderon nos últimos quince anos 600 postos de emprego industrial, pecharon numerosas empresas e onde “segue pendendo dun fío a maior potencia industrial”, subliñou en alusión a Alcoa.
“Fai falta empresa en toda a Mariña, en todo o País, pero sobre todo no rural”, recalcou Dani Castro, que criticou as trabas postas até o de agora pola Xunta ao polígono de Muras, máis tendo en conta que hai unha demanda real por parte das empresas. Unhas trabas que, deslizou, levan a preguntarse se o comportamento do PP na Xunta está relacionado con quen goberna en Muras.
Concello que, lembrou, veuse na obriga a reformar o centro de saúde ou a CEIP Antía Cal, “enteritos”, por falta de colaboración da Xunta.
Tras aprobarse a iniciativa, Castro salientou que o BNG se manterá vixiante para que o PP cumpra desde a Xunta co aprobado, aínda que sexa, ironizou, por interese de cara ás próximas eleccións locais.