Unha acción pide nas Pontes o reparto dos beneficios enerxéticos
O BNG realizou unha acción reivindicativa no encoro da Ribeira das Pontes, pertencente a Endesa, para denunciar o "espolio enerxético do noso país por parte de empresas que aproveitan os recursos naturais para se enriqueceren sen que iso reverta no desenvolvemento social económico da Galiza" e na que participaron o parlamentario galego Ramón Fernández, a responsable local de Galiza Nova nas Pontes Carmela Franco e o deputado do BNG no Congreso Néstor Rego. A frente nacionalista defende un sector enerxético público e galego que coloque a produción de enerxía ao servizo do país e reclama, no inmediato, unha Tarifa Eléctrica Galega.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinalou que este encoro é un dos “exemplos do que supón o espolio enerxético a que historicamente se viu sometida a Galiza a partir de decisións tomadas a centos de quilómetros de distancia que converteron o país nunha potencia en produción de enerxía eléctrica pola que tivo que pagar gravosos custos tanto sociais como ambientais”.
Rego salientou que se trata dun modelo de “explotación colonial” na medida en que esa capacidade produtora que ten a Galiza non reverte en beneficio dos galegos e galegas senón que son empresas foráneas, como é o caso de Endesa, as que se benefician da explotación dos recursos naturais do noso país “e, unha vez que esgotan o negocio, deixan tirados os traballadores e traballadoras e o noso país, como está a acontecer co fechamento da Central Térmica das Pontes”.
“Os galegos e galegas tivemos que pagar historicamente por esa decisión de especializar a Galiza na produción de enerxía eléctrica, con encoros e centrais térmicas ao longo e largo da nosa xeografía, mais nunca nos beneficiamos desa capacidade produtiva” destacou Rego. Así mesmo, sinalou que neste momento nos atopamos ás portas dunha “nova fase de espolio enerxético masivo de carácter colonial” coa sucesión de macroproxectos eólicos que pretenden abranxer a metade do territorio da Galiza e tamén as súas augas territoriais para maior lucro de grandes empresas españolas ou multinacionais “que levan para fóra os lucros e mesmo pagan os seus impostos en Madrid deixando aquí apenas a destrución das nosa mellores terras”.
O BNG defende a necesidade de mudar o modelo de produción de enerxía comezando por “nacionalizar o sector e creando un grupo público que xestione o conxunto da produción de enerxía”. A formación nacionalista ve a oportunidade de iniciar esta actividade recuperando as concesións hidráulicas que caduquen e que deben reverter ao dominio público para que -sempre que sexan compatíbeis con criterios ambientais- sexan aproveitadas por entidades creadas polas institucións públicas galegas e en prol do desenvolvemento do propio país.
O deputado nacionalista insistiu na creación dunha Tarifa Eléctrica Galega que permita abaratar o custo, mínimo de 30%, a todas as persoas particulares e empresas de modo que “nos beneficiemos desa condición de país produtor excedentario de enerxía eléctrica”. Para as empresas instaladas na Galiza, esta tarifa permitiría reducir os custos de produción e, por tanto, que fosen máis competitivas, de modo que puidese redundar na creación de emprego no noso País.
“Carece de sentido que os galegos e galegas teñamos que pagar o mesmo pola enerxía eléctrica- ou máis, como aconteceu en 2020- cando a producimos ao lado das nosas casas que aqueles, por exemplo en Madrid, que a consomen a máis de 600 quilómetros. Non é xusto que debamos asumir os custos de transporte desta enerxía porque todos os países produtores e exportadores se benefician desa condición, excepto a Galiza” sinalou Rego.
O BNG aproveitou o acto simbólico desenvolvido no encoro da Ribeira para anunciar que fará frente á nova ofensiva de espolio enerxético do país, neste caso “vestida de verde”, por medio de macro-proxectos eólicos promovidos por grandes empresas enerxéticas. “Non ten sentido continuar nesa dinámica de instalar novos parque eólicos por toda a parte, afectando zonas naturais sensíbeis ou terras agrarias, cando a Galiza xa produce máis enerxía de fontes renovábeis da que consome” explicou Rego. O deputado nacionalista salienta que os últimos datos indican que exportamos 30% da enerxía eléctrica que producimos e que a derivada de fontes renovábeis excede en aproximadamente 1.200 GWh a consumida na Galiza.