Unha achega permitirá a mellora do punto limpo Serra de Meira
A instalación, situada na Pastoriza, presta servizo aos concellos da Pontenova, Ribeira de Piquín, Riotorto, Meira, Pol e á propia Pastoriza.
O punto limpo Serra de Meira vén de recibir unha subvención da Dirección Xeral de Residuos para a mellora das condicións das instalacións municipais para a recollida separada dos distintos fluxos de residuos, puntos limpos. Esta instalación, situada no termo municipal da Pastoriza, presta servizo aos concellos da Pontenova, Ribeira de Piquín, Riotorto, Meira, Pol e á propia Pastoriza.
Coa finalidade de mellorar a xestión dos residuos almacenados, propúxose a mellora do punto limpo existente mediante diferentes accións contempladas nas bases da correspondente subvención. Así farase unha ampliación da superficie de almacenamento mediante a instalación de novos contedores e xaulas, mellorando as posibilidades de almacenamento puntual. Así mesmo, mellorarase a seguridade do punto limpo mediante a instalación dun peche perimetral de paneis de malla. Xunto con esta medida, tamén se inclúe a adecuación das portas de acceso para mellorar a súa seguridade.
Outras das melloras que se farán consisten na instalación de cubetas de vertidos para incrementar a protección contra a contaminación inherentes aos residuos perigosos. - Instalación de cubertas laterais na caseta de residuos perigosos para aumentar a protección da infraestructura contra as inclemencias meteorolóxicas. Tamén se instalará unha caseta para a reutilización e reparación de residuos, co fin de fomentar a economía circular dentro do punto limpo, axudando na concienciación dos diferentes usuarios e veciños.
Engádense ás novas medidas a adquisición de transpaleta pesadora para adecuar o rexistro de entradas, co fin de mellorar a caracterización dos diferentes residuos. O rexistro das cantidades de residuos que entran no punto limpo contribúe a mellorar a xestión dos materiais de entrada, debido a que favorece a creación de modelos estatísticos que faciliten a futura programación da xestión.
Ampliarase a tipoloxía de residuos autorizados a depositar por parte dos usuarios, mellorando así o servicio de recollida e conseguindo evitar os diferentes vertedoiros incontrolados que aparecen nos diferentes Concellos que teñen uso do punto limpo.
Tamén contarán con cartelería e esquemas da correcta xestión dos residuos do punto limpo por parte dos diferentes usuarios. Esta medida é de vital importancia para facilitar a formación e concienciacións dos usuarios, asegurando unha correcta xestión dende o punto de partida da recuperación e reciclado dos diferentes residuos e potenciando a revalorización dos mesmos.
Finalmente, instalarán un sistema de videovixilancia, co fin de evitar os incidentes e roubos que se producen no punto limpo. A súa vez, axudará a identificar os vertidos de residuos fora de horario, axudando a facilitar as probas necesarias para os diferentes procesos sancionadores precisos para evitar que se produzan tanto no interior como na contorna do punto limpo.