Unha andaina recupera o itinerario orixinal do Camiño Norte entre Irixoa e Betanzos

TerraChaXa
Roteiros da Carba organiza esta actividade prevista para o sábado a partir das 9.30 horas desde Irixoa a Betanzos
Imaxe da igrexa de San Lourenzo en Irixoa
22 Jan 2026

As asociacións Norte Vibe e Roteiros da Carba organizan para este sábado 24 de xaneiro unha nova actividade centrada na recuperación e divulgación do itinerario orixinal do Camiño Norte de peregrinación a Santiago de Compostela, no treito comprendido entre Vilalba e Betanzos, onde conflúe co Camiño Inglés cara á capital galega.

A xornada consistirá nunha andaina polo tramo Irixoa–Betanzos, cunha saída prevista ás 9.30 horas desde Irixoa. A chegada a Betanzos está estimada arredor das 13.00 horas, momento no que se realizará unha visita á cidade, destacando o seu vínculo histórico coa peregrinación e coa figura de San Roque Peregrino, patrón da localidade.

A iniciativa pretende poñer en valor este trazado histórico do Camiño Norte, promovendo o coñecemento do patrimonio cultural e espiritual asociado ás rutas xacobeas, así como fomentar a participación cidadá en actividades de divulgación do territorio.

As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información e formalizar a súa inscrición a través do teléfono de contacto habilitado pola organización ou mediante correo electrónico.

⚙ Configurar cookies
0.095247030258179