Unha aposta pola música galega nas festas vilalbesas

Como a cousa vai de música e festa, é indispensable a presenza das mellores orquestras e grupos que conforman o panorama musical galego, así como os grupos de música tradicional galega máis populares.
Aínda así o prato forte da programación musical será o concerto de Carlos Baute, o mércores 3 de setembro, ás 23.30 horas.
ORQUESTRAS
Serán as orquestras Límite e Los Key os que darán comezo a esta sección musical. Encargaranse de amenizar a sesión vermú e a verbena do sábado 23, igual que o grupo Da Silva á sesión vermú do día seguinte.
Logo dun parón, o mércores 27, na Xira dos Nosos Maiores, a Coral Lúar cantará no oficio relixioso, para, posteriormente, dar paso aos protagonistas da sesión vermú previa ao xantar popular, o dúo Venus.
O domingo 31, o propio Día de San Ramón, a partir das 11.00 horas haberá pasarrúas a cargo da Asociación Cultural Mato Vizoso e da Asociación Cultural de Andrade. Será a Coral Lúar a que volva actuar na misa cantada, ás 12.00 horas.
A maiores, terá lugar unha sesión vermú e, pola noite, na praza da Constitución, a orquestra Triunfo amenizará a verbena xunto á xa recoñecida orquestra New York.
Finalizada a semana, e o mes, o luns 1 de setembro terá lugar o Día de Santa María e, nesta ocasión, os pasarrúas estarán amenizados pola Asociación Buxos Verdes da Chaira e pola Asociación Cultural entre Lusco e Fusco. O oficio relixioso será unha misa cantada pola Coral Polifónica Vilalbesa.
A orquestra Los Españoles, actuarán na sesión vermú das 14.00 horas e na verbena da noite, xunto a Panorama City, a cal comeza este ano coa súa xira como proposta paralela á icónica Orquestra Panorama, malia que mantendo a esencia que a converteu nunha referencia absoluta no sector.
Xa case rematando a festividade, o sábado 6, o pasarrúas estará a cargo da asociación Cultural Mestura de Nete. La nave será a protagonista da sesión vermú, a cal terá dobre sesión na verbena da noite, xunto ao grupo Arizona.
A formación Cerna de Árbol e a Asociación Cultural Árdelle o Eixo encargaranse da recepción do Día da Feira (domingo 7). A Coral Polifónica Vilalbesa cantará na misa das 12.00 horas e, tamén, a orquestra Metrópoli e un DJ porán fin ás Festas do San Ramón e Santa María na sesión vermú longa a partir das 14.00 horas e posterior tardeo.

CONCERTOS
A maiores do panorama musical co que se conta este ano nas festas de Vilalba, haberá actuacións musicais de grupos ou artistas que non deixarán indiferente a ninguén.
O día da Festa da Bicicleta, que será o venres 29, contarase coa actuación do grupo Mario Coloman & The Clocks Band, unha banda formada por seis talentosos rapaces de Quiroga e Ribas de Sil que chegan a Vilalba cun directo vibrante, cheo de rock, versións míticas e temas orixinais que deixan pegadas.
Actuarán no templete da praza da Constitución ás 21.30 horas e, ás 22.00 horas, será a quenda de A Banda da Loba, no Auditorio Municipal. É un grupo de musica formado por cinco mulleres que uniron a súa traxectoria individual para un crear un novo proxecto baseado na mestura de pop, blues, folk, rock e sons tradicionais. O nome do grupo vén da lexendaria bandoleira galega do século XIX, Pepa A Loba.
O día do pregón, que será ao día seguinte (sábado 30), haberá unha proliferación de actuacións musicais. En primeiro lugar, na gala do LI Certame Literario, actuarán a Banda de Música de Vilalba e a Minibanda, a Asociación Cultural en Movemento, Lambe Lambe e Shera&Sile, que estivo nas festas do ano pasado.
A maiores, Xosé Lois Romero & Alibora cantará ás 22.00 horas na Praza de Santa María e, como remate do día, Marcos Peón, Dj Frisco e Dj Zalo actuarán na praza da Constitución.
O Día de San Ramón (domingo 31), a Banda de Música de Vilalba, actuará na praza da Rúa da Pravia ás 20.00 horas. É unha agrupación musical fundada en 1991 en Vilalba, cuxo principal obxectivo é a difusión e promoción da música de banda. Formouse a partir dunha escola de música creada en 1987 polo Concello de Vilalba.
Entre as actuacións destacan as ofrecidas na Televisión de Galicia, Radio Galega e Televisión Española en Galicia así como as dúas gravacións editadas, unha no ano 1995 e a última no ano 2001 con motivo do X Aniversario desta Asociación.
Uxía Lambona e a Banda Molona, os cales fan música en galego para cantar e bailar como “toliños” darán un concerto o 1º Día infantil na praza de Santa María, para animar aos máis pequenos da localidade e o xoves 4 de setembro, os grupos de música tradicional do concello animarán as rúas. Ás 21.00 horas, Noxo Me Das deleitará á xente cos seus cantos de taberna e ás 22.00 horas será a quenda de Orquestra Bravú Xangai, unha formación de integrantes de bandas creadoras do movemento bravú e proxectos posteriores, que xuntos conforman unha locomotora musical de vocación festiva imparable.
FESTIVAL DE BANDAS
Dentro das citas tradicionais, o sábado 6 de setembro, terá lugar o Festival de Bandas Pepe Guntín, no que volverán deleitar coa súa música a Banda de Música de Vilalba, nesta ocasión, xunto á Banda Cultural e Recreativa de As Pontes, unha agrupación musical da localidade veciña, que se dedica á música, ás actividades culturais e recreativas.

OS GRUPOS TRADICIONAIS
ENTRE LUSCO E FUSCO
“Entre Lusco e Fusco” é un grupo centrado no baile, o canto e a música tradicional galega, que comezou o seu camiño no ano 1990. Ao longo destes máis de trinta anos de traxectoria, os membros da agrupación tiveron ocasión de participar en programas da Televisión de Galicia, realizar intercambios culturais tanto dentro como fóra de Galicia, e actuar en numerosas festas, eventos e celebracións na comarca da Terra Chá. Tamén teñen unha presenza constante na vida cultural da vila e das parroquias próximas.
Na actualidade, a asociación está formada por arredor de 100 persoas de diferentes idades, organizadas nas distintas disciplinas que se imparten. Aínda que cada quen ten a súa personalidade, maneira de ser ou ideoloxía, todos comparten un obxectivo común: tocar, bailar e cantar. En definitiva, promover e transmitir a cultura tradicional galega dunha forma entretida e gozosa.
MATO VIZOSO
A Banda de Gaitas Mato Vizoso naceu no ano 1988 no seo da ANPA do colexio que leva o mesmo nome. O proxecto iniciouse cun grupo pequeno de seis nenos de entre 8 e 9 anos, acompañados do seu mestre Carlos A. Celeiro Arias Morón. Pouco a pouco, o grupo foi medrando e, a partir de 1992, comezaron as súas actuacións públicas fóra do ámbito escolar. Primeiro participaron en festas patronais e celebracións parroquiais, e máis tarde chegaron a diferentes vilas de toda a provincia. No ano 1993 constituíronse oficialmente como asociación, e dende aquela teñen participado en numerosos encontros, festivais e concertos por toda a Península Ibérica.
A.C. ANDRADE
A Asociación Cultural de Andrade xurdiu arredor do ano 1999/2000 cun grupo de pandereteiras, formado tanto por nenas como por persoas adultas, que deron os seus primeiros pasos no canto e na percusión tradicional. Co paso do tempo foron ampliando a súa oferta, incorporando clases de baile tradicional, gaita, linguaxe musical e, máis recentemente, percusión brasileira e cantos de taberna. Na actualidade contan con máis de cen alumnos de distintas idades nas distintas actividades. Ademais, levan adiante unha proposta interesante de mestura de ritmos galegos con danza, co fin de achegar e amosar a riqueza da multiculturalidade a través da música e o baile.
MESTURA DE NETE
A Asociación Cultural Mestura de Nete constituíuse oficialmente en datas recentes co obxectivo de poder participar en programas como o Musiqueando da Deputación, ademais de tomar parte noutras actividades culturais como os cantos de taberna, procesións, festivais e demais celebracións.
Porén, desde o ano 2015, a Asociación de Veciños de Nete xa viña organizando clases de música tradicional: pandeireta, baile, acordeón, gaita, percusión e canto tradicional. Cada ano foi aumentando o número de persoas participantes ata chegar a preto de 80 alumnos.
Co tempo, consolidouse un grupo de canto que ensaia semanalmente e participa activamente en cantos de taberna e nos chamados seráns culturais.
BUXOS VERDES
O grupo naceu no ano 2001 na vila de Vilalba e, na actualidade, conta con 25 membros de distintas idades. Todos eles comparten a súa paixón pola música tradicional galega, que interpretan e gozan en foliadas, cantos de taberna e festas populares. O seu repertorio inclúe pezas moi coñecidas do folclore galego, como muiñeiras, xotas, rumbas e pasodobres, entre outros estilos. Tocar música tradicional é para eles unha maneira de celebrar, compartir e manter viva a nosa cultura.
CERNA DE ÁRBOL
O grupo musical xurdiu dentro da Asociación Cultural e Deportiva da parroquia de Árbol, en Vilalba. A súa orixe remóntase a un curso de música no que participaron varios veciños, e foi despois dun magosto celebrado no ano 2014 cando se decidiu crear esta formación dedicada á música tradicional galega.
Na actualidade contan con arredor de 25 membros, dos cales 12 son nenos de entre 8 e 14 anos, con especial interese na percusión. Aínda que durante a pandemia perderon algúns integrantes, a chegada de novos membros ás familias dos participantes fixo que o grupo se renovase e continuase medrando. Cerna de Árbol participa en varias feiras organizadas polo Concello de Vilalba, como a Feira de Artesanía ou a Feira do Capón, ademais de nas festas parroquiais e noutras celebracións. Para as actuacións dispoñen de traxes tradicionais galegos, aínda que en encontros máis informais, como os cantos de taberna, adoitan vestir con roupa máis cómoda como polos.
ÁRDELLE O EIXO
De orixe vilalbés tamén é o grupo de música tradicional Árdelle o Eixo, creado na parroquia de Sancovade e que é un habitual das celebracións dentro e fóra do municipio.