Unha caravana protestará polo peche do colexio de Baamonde

TerraChaXa
A anpa do colexio de Baamonde e a asociación de veciños continúan coas súas accións contra o peche do colexio local convocando unha caravana.
concentracion baamonde colexio
7 Mar 2021

A anpa do colexio de Baamonde e a asociación de veciños Montenegro continúan coas súas accións encamiñadas a evitar o peche do colexio local dentro do plan da Alcaldía de fusionar os dous colexios no de Begonte e poñer nas instalacións de Baamonde a escola de música Crisanto, de carácter comarcal.

Debido ás últimas declaracións e accións que indican o peche inminente, convocaron unha caravana de vehículos para o vindeiro martes 9 que sairá do colexio de Baamonde sobre as 16:30 ata chegar ao Parlamento de Galicia (Santiago de Compostela).

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia rexistrou unha proposición non de lei sobre o mantemento polo Goberno galego do funcionamento do Ceip de Baamonde, no concello de Begonte, desbotando calquera posibilidade de desafectar o centro dado que o número actual de alumnos se sitúa seis veces por enriba do criterio establecido para pechar un centro educativo na Comunidade Autónoma de Galicia.

O deputado Luis Manuel Álvarez Martínez defenderá esta iniciativa o martes sobre as 18:30 horas. A votación será o día seguinte pola maña.

A caravana sairá unha vez finalizada a xonrada lectiva, sobre as 16.45 horas pola N-VI e farán unha parada diante do Concello de Guitiriz. Debido as restriccións sanitarias as familias da comunidade educativa de Baamonde da poboación de Pígara non poderán saír do perímetro municipal. Estarán diante do consistorio para apoiar ao paso da caravana.

Os vehículos continuarán pola N-VI ata enlazar coa N-634 dirección Santiago de Compostela con chegada sobre as 18.00 horas á avenida de Lugo, onde se dará unha volta ao Parlamento de Galicia pola Rúa do Hórreo e Rúa Ramón Piñeiro. Rematarán cunha concentración diante do Parlamento de Galicia,

A asociación de veciños de Baamonde habilitará un autobús gratuíto se chega a un mínimo de prazas. Os interesados poden apuntarse no Madia Leva ou no Super Onda de Baamonde antes do luns as 18:00.

APOIO DA DEPUTACIÓN

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mostra de novo o seu total apoio ás reclamacións da Asociación de Nais e Pais de Alumnos e dos veciños e veciñas que rexeitan o peche do colexio público de Baamonde no que estudan 30 nenos e nenas, e esixe á Xunta de Galicia que escoite as súas demandas e manteña aberto o centro.

A Deputación de Lugo xa aprobou no Pleno de decembro unha moción para reclamar información á Xunta sobre o suposto proxecto de conservatorio en Begonte, ademais de pedir que calquera posible cambio tivese en conta a opinión dos veciños e veciñas. Ata hoxe, o rexedor négase a dialogar con eles, mentres que o Conselleiro de Educación sinalou no Parlamento de Galicia que o seu departamento no impulsaba o Conservatorio, que sería unha iniciativa municipal.

Peche irregular da matrícula

Ante a falta de aclaracións, o presidente comparte a preocupación das familias, que levan meses manifestándose contra a decisión unilateral do Alcalde de pechar o colexio, e denuncian agora que non poden matricular aos nenos no CEIP de Baamonde para o curso que vén, a pesar de que a Consellería de Educación non ten informado formalmente do peche do centro, algo que resulta totalmente irregular. Para incrementar a confusión, a Asociación Músico Crisanto, da que depende a actual escola de música, anunciou que o próximo curso disporá das novas instalacións no colexio de Baamonde. Todo iso sen que o DOG teña publicado ningunha resolución oficial sobre un posible peche ou a desafección do centro.

Cesión dun edificio público a unha iniciativa privada

Para a portavoz do Grupo Provincial Socialista, Pilar García Porto, “o que acontece en Begonte é un novo episodio, moi grave, de ataque ós servizos públicos no rural por parte dos alcaldes e da Xunta do PP. O mesmo goberno que quería pechar un paridoiro, deixa facer a un Alcalde para pechar un colexio. É inaceptable que se recorten servizos no rural cedendo un edificio público a unha iniciativa privada”.

O proxecto de dotar a Begonte, Rábade e Outeiro de Rei dun Conservatorio de grao medio fora anunciado en febreiro do ano pasado por Armando Morales, director da escola de música. Segundo as súas declaracións, a Xunta de Galicia tiña comprometida unha inversión de 360.000 euros para a compra dun edificio que albergaría o Conservatorio. Sen embargo, a finais de ano, o Alcalde fixo seu o proxecto e presentou ós veciños un plan que contemplaba o peche do CEIP de Baamonde para dedicar o edificio á ensinanza musical.

Pechar un colexio

“Nada neste proxecto ten sentido”, asegura García Porto. “O argumento de que se pecha un colexio público para favorecer a educación musical cae polo seu propio peso. ¿Se o proxecto inicial contaba con cartos da Xunta, por que non se mantén? ¿Onde foron eses cartos? ¿Nunca existiran ou é que agora hai outros intereses? Os veciños e veciñas de Baamonde teñen dereito a saber que se agocha detrás desta actuación do Alcalde”. José Manuel Rábade, concelleiro de Begonte, é irmán de Pablo Rábade, presidente da Asociación Músico Crisanto, un feito que foi sinalado polos veciños que reclaman transparencia en torno ao proxecto.

O Grupo Provincial Socialista lamenta que este novo ataque contra os servizos públicos no rural está a deteriorar a convivencia, “fomentando un enfrontamento ficticio entre núcleos de poboación e con actitudes autoritarias do Alcalde impropias da nosa democracia”. Hai uns días, a Asociación de Veciños de Baamonde denunciou que o rexedor cambiou a cerradura do local social para impedirlles o acceso, a pesar de ter un convenio en vigor para o uso do mesmo.

0.19829893112183