Unha charla en Foz destacou o labor das asociacións de comerciantes
Máis de 40 persoas asistiron na Casa da Cultura de Foz á charla Cómo converter o teu negocio nunha empresa de éxito pronunciada polo mentor Alberto Ferreiro. A actividade foi organizada polo Centro Comercial Aberto e enmarcouse dentro do ciclo de conferencias Impulsa o teu negocio que se desenvolveron este mes de xaneiro.
Alberto Ferreiro, nesta segunda conferencia, insistiu en que un negocio se monta para gañar cartos non para ser unha ONG e que o que fai un mentor é axudar a tomar decisións aos empresarios que precisan do seu asesoramento. Na charla de onte abordou cos asistentes cuestións como a situación económica na que se atopa un negocio, o coñecemento que os empresarios teñen dos seus clientes, a proposta de valor ou a necesidade de facer cuestionarios entre a clientela para tentar mellorar.
O mentor lugués subliñou que “a xente ten que namorarse de ir de compras ás nosas tendas. Os clientes non compran por pena, temos que motivalos, crear expectativas por exemplo nos escaparates e despois rematar a venda dentro da tenda. Dese traballo tense que encargar o vendedor. Hai que namorar ao cliente, iso é moi importante. Hoxe esta é a clave do comercio, dos negocios nas vilas como Foz ou outras similares que hai ao arredor”.
Para Alberto Ferreiro a mellor forma de loitar contra as grandes plataformas de venda on line, como Amazon, “é ir xuntos, ir da man nunha asociación coma esta (en alusión a Acia Foz) e estar dispostos a formarnos. As campañas de concienciación solas non chegan, a xente esquécese das mensaxes que lles facemos chegar porque vai ao cómodo. É moi importante a labor que realizan as asociacións de comerciantes. Unión e formación son dous conceptos moi importantes a ter en conta”.
Entre frases pronunciadas por Alberto Ferreiro na súa intervención de onte en Foz: “para ser bo vendedor hai que se bo escoitador”, “ao final, ou es diferente, ou es barato”. Dixo que a media de vida dun negocio son 12 anos e que esta pasa por tres etapas, que son o despegue, a maduración e a reciclaxe.
O Centro Comercial Aberto agradece a asistencia dos empresarios que acudiron a esta segunda charla pronunciada por Alberto Ferreiro. A entrada foi libre.