Unha de cal e outra de area nesta xornada para os equipos do TDM Vilalba
Sorte dispar na xornada desta fin de semana para os equipos vilalbeses. Así, en primeira galega, o equipo do TDM Basanta Souto perdía por 4-1 ante o segundo clasificado, o equipo lucense da Milagrosa, nun partido dominado de principio a fin polos xogadores visitantes.
En segunda galega o equipo do TDM Limpezas García desprazábase a Cambre para enfrontarse ao equipo local, onde se impoñía por unha cómoda vitoria de 4-2. As xogadoras do Limpezas García foron en todo momento donas do partido, así como do marcador, mostrando unha gran progresión e un bonito xogo.
A vindeira fin de semana a liga regular sufrirá un parón debido ao desenvolvemento do campionato nacional de tenis de mesa por categorías a disputar en Valladolid, onde o TDM Vilalba estará representado pola xogadora Sabela López, na categoría infantil.