Unha decena de alumnos recibiu os seus diplomas na clausura do obradoiro Eume IV

TerraChaXa
Este itinerario formativo promovido polos concellos das Pontes, A Capela e As Somozas, contou cunha achega da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de preto de 309.000 euros
clausura-obradoiro-de-emprego-eume-iv
15 Sep 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na clausura do obradoiro dual de emprego Eume IV, unha iniciativa que recibiu unha achega da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de preto de 309.000 euros e que aglutina aos concellos das Pontes, A Capela e As Somozas.

Durante o acto —no que estiveron presentes representantes dos tres municipios— Aneiros felicitou ás dez persoas participantes que se formaron na modalidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e destacou a “valiosa pegada” que a súa formación deixou no territorio. Ao longo de nove meses, os alumnos e alumnas levaron a cabo tarefas en beneficio, neste caso do municipio das Pontes. Concretamente, acometeron traballos de mantemento dos espazos axardinados do Campo da Feira, do poboado da Magdalena e das prazas do Hospital e América.

A delegada territorial aludiu ao dobre obxectivo dos obradoiros: ofrecer unha formación teórico-práctica de calidade e, ao mesmo tempo, xerar beneficios sociais que quedan no territorio. “Esta é unha fórmula que funciona, porque combina preparación profesional con experiencia real, dúas chaves fundamentais para mellorar a empregabilidade”, destacou Aneiros.

A representante do Goberno galego sinalou que Eume IV é un dos 87 obradoiros duais beneficiados das achegas autonómicas na convocatoria do ano pasado na que se investiron máis de 36 millóns de euros. No caso da provincia da Coruña, concedéronse 23 obradoiros duais que combinan formación e traballo.

Dentro destas accións, a Xunta subvenciona a posta en marcha e desenvolvemento do taller e os custos de contratación dos participantes e do persoal directivo, docente e de apoio. Priorízase a atención a persoas con especiais dificultades de inserción, como retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e persoas con diversidade funcional e ponse o foco nos servizos sociais e comunitarios, na formación forestal ou na recuperación do patrimonio artístico, histórico cultural ou natural, entre outros.

A delegada territorial lembrou a aposta da Xunta pola formación dual, que vincula a aprendizaxe co mercado laboral e agradeceu a implicación dos tres concellos involucrados neste itinerario formativo, destacando a importancia da colaboración institucional “para sacar adiante iniciativas como esta, que achegan oportunidades reais ás persoas e contribúen ao desenvolvemento local”.

⚙ Configurar cookies
0.088099002838135