Unha degustación de empanada de mazás dará inicio ás festas de San Bartolo en Corbelle

A parroquia de Corbelle, en Vilalba, celebrará do 22 ao 24 de agosto as festas na honra a San Bartolo cun amplo programa de actividades musicais e de lecer para todas as idades.
O venres 22, a partir das 21:30 horas, terá lugar a degustación gratuíta da empanada de mazás máis grande de Galicia, acompañada tamén de bolo preñado. A xornada continuará cunha verbena a cargo do dúo Son de Festa.
O sábado 23, día grande das festas, celebrarase a misa solemne ás 13:30 horas, seguida da procesión e dunha sesión vermú amenizada pola orquestra Alabama. Xa pola noite, terá lugar a gran verbena coa mesma formación e co grupo Paréntesis.
O domingo 24, Día do Patrón, repetirase o esquema da xornada anterior cunha misa solemne ás 13:30 horas, procesión e sesión vermú a cargo do dúo Eclipse, que tamén será o encargado de poñer a música da verbena nocturna.
Ademais, a partir das cinco e media da tarde, o campo da festa acollerá a Festa do Neno, con inchables, tobogán de auga e festa da escuma, todo de balde, que porá o broche final ás festas de San Bartolo 2025.