Unha ducia de propostas deportivas para o curso 17/18 en Guitiriz
O Concello de Guitiriz abre o luns 4 de setembro, e ata o 22 deste mes, o prazo de inscrición nas Escolas Deportivas Municipais que ofertan doce modalidades deportivas para rapaces, rapazas e maiores.
Trátase de actividades deportivas que se desenvolverán ao longo do curso escolar 17/18 a partir do mes de outubro. No caso do fútbol sala no pavillón municipal e no ximnasio do IES Poeta Díaz Castro divididos por grupos de idades -minibenxamín, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil-. E tamén por idades se dividen os grupos de baloncesto. Os rapaces e rapazas de 7 a 11 adestrarán os venres de catro e cuarto a sete menos cuarto no ximnasio do IES Poeta Díaz Castro e os rapaces e rapazas de 12 a 13 anos os mércores no mesmo horario e espazo.
As sesións de atletismo e campo a través que se desenvolverán no IES Poeta Díaz Castro desenvolveranse os mércores e venres entre as catro e media e as cinco e media da tarde; mentres que as tenis, no pavillón municipal, se desenvolverán os luns de cinco a sete e as de taekwondo, os martes e xoves de catro e cuarto a cinco e cuarto no ximnasio do IES Poeta Díaz Castro.
As persoas interesadas en practicar ximnasia rítmica e patinaxe disporán de clases os luns de catro e cuarto a cinco e cuarto no ximnasio do instituto e os martes de catro e media a seis no pavillón do mesmo centro, respectivamente. No último caso establécese un máximo de 15 prazas igual que no caso de tiro con arco para o que se adetrará cada martes de sete a nove do serán no ximnasio do CEIP de Lagostelle.
As actividades deportivas complétanse con ioga, actividades aeróbicas (aerobic, Zumba, step), Pilates e ximnasia de rehabilitación. No primeiro caso -cun límite de 20 prazas- as sesións desenvolveranse os martes e xoves de nove a dez no soto da Casa Habanera e no segundo -cun máximo de 50 prazas- os luns e os mércores de oito e media a nove e media no ximnasio do instituto.
Serán dous os grupos de Pilates que se reunirán na Casa Habanera: o primeiro o luns e mércores de oito a nove e o segundo os martes e xoves á mesma hora. Tamén haberá dous grupos de ximnasia de rehabilitación: un en Parga que se reunirá na Escola do Campo da Feira os luns e mércores de once a doce da mañá e outro en Guitiriz que contará con clases os martes e xoves de once a doce na Casa Habanera.
Inscricións
As persoas interesadas en participar deben presentar o boletín de inscrición nas oficinas municipais en horario de oito e media da mañá a dúas e media da tarde.
Os prezos das actividades serán de 10 euros cada mes -excepto no caso de tiro con arco que ascende a 15-. Con todo, aplicaranse descontos para familias con recursos limitados e un 20% aos membros de familias numerosas cando dous ou máis membros estean matriculados nas Escolas Deportivas ou para aquelas persoas matriculadas en dúas ou máis actividades. No caso de que se realicen baixas, será necesario presentalas por escrito no Concello antes de final de mes para que a baixa tamén teña efectos no cobro dos recibos correspondentes.
En calquera caso, será necesario un mínimo de 12 participantes para desenvolver cada actividade.