Unha ducia de voluntarios limpan 300 kg de lixo do río Miño

TerraChaXa
Unha ducia de persoas molláronse polo río.
1 Oct 2017

Unha ducia de persoas molláronse polo río. Foron os voluntarios da X Limpeza simultánea de ríos do Proxecto Ríos que se realizaba en Castro de Rei coa colaboración da Asoc. Deportiva e Cultural Amigos do Miño que lograban recuperar 300 kg de lixo do río.

A X Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrábase en 49 concellos de toda Galiza coa participación dun total de 69 entidades (asociacións, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 10 Concellos que organizan directamente esta actividade ata actuar en 43 treitos de río.

Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.

Recolléronse refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos...). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, unha cadeira de escritorio, unha colchoneta de praia, plásticos de silo, pilas, electrodomésticos, uralitas. As toalliñas húmidas volveu ser do lixo máis abundante. Apareceu tamén roupa, calzado...

No reconto preliminar, calculamos que os residuos de tódolos concellos suman máis de 8 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.

Proxecto Ríos
Proxecto Ríos é un proxecto financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Para esta actividade contamos coa colaboración da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, así como cos concellos de A Coruña, A Estrada, Allariz, Arzúa, Cambre, Carballo, Fene, Gondomar, Lugo, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Teo, e Tomiño. Ao longo desta semana publicaremos na web do Proxecto Ríos: www.proxectorios.org e na web específica da limpeza: http://limpeza.proxectorios.org/ un informe coas conclusións finais desta actividade, así como as fotos da xornada da limpeza que aínda estamos a recibir dos grupos participantes. De momento van os resultados provisionais. Para descargar algunha foto da xornada pódese entrar no Facebook do Proxecto Ríos.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17390203475952