Unha excursión a Padrón e un concerto de corais abriu o programa de Nadal en Rábade
O Concello de Rábade vén de arrancar a súa programación de Nadal cunha excursión e un encontro de corais.
O sábado organizaron unha excursión a Padrón, onde viron a Casa Museo de Rosalía de Castro; e á cidade de Vigo, para visitar as luces de Nadal da cidade olívica. A boa acollida desta iniciativa, que se celebra por vez primeira, leva ao Goberno local a pensar xa en próximas edicións.
O domingo tivo lugar un encontro de corais no que participou a Coral de Palas de Rei e o Coro Músico Crisanto na igrexa parroquial de San Vicente. A alcaldesa de Rábade, Reme González, foi a encargada de facerlle un detalle ás directoras de ambas as agrupacións.
A programación do Concello de Rábade para este Nadal complétase con máis actividades. A primeira delas será o acendido do alumeado o vindeiro día 13 de decembro.
Ademais, o día 14, José Manuel Rodríguez vai presentar Poesía de mar y amar no Centro Sociocultural, pero as verdadeiras festas iniciaranse o 21 de decembro co tradicional recheo de Nadal coa proba da fortuna con sorteo de agasallos e chocolate con churros.
O 22 haberá un concerto a cargo da Banda da Escola Municipal de Música e o 23 dará comezo o campamento para nenos e nenas de 4 a 12 anos.
Pasada a xornada de Nadal, o 25, haberá un espectáculo de maxia a cargo do Mago Roberto Lolo e o 28 será a vez do baile prefinde con música en directo.
Outra das citas que non podían faltar é a Don Silvestre, unha carreira para nenos e nenas e maiores, que se vai celebrar o día 31 con premios para os mellores disfraces.
O día 2 de xaneiro estará en Rábade a foodtruck de Galicia Sabe Amar, coincidindo coa feira local e o día 4 farase o recheo de Reis cunha nova proba fortuna. Finalmente, o día 5 remata a programación coa chegada dos Reis Magos a Rábade con agasallos para todos os nenos e nenas.