Unha exhibición de baile inicia hoxe en Meira os actos de Nadal da Semana
Meira retoma esta tarde a programación de Nadal cunh exhibición de zumba e baile tradicional organizada pola ANPA do CEIP Poeta Avelino Díaz.
Esta será ás 19.30 horas na casa da cultura de Meira.
Continuarán o día 23 dedicando a xornada a Avelino Díaz, xa que se fará unha audición dos novos temos da Quenlla, dedicados ao poeta meirego, actividade que se desenvolverá na casa da cultura a partir das 20.30 horas.
Meira contará este ano novamente cun belén vivente e coa cabalgata tradicional como actos centrais da celebración das festas de Nadal, organizadas en colaboración coa anpa do colexio e a confraría local.
O belén vivente terá as súas representacións os días 25 de decembro e o 6 de xaneiro, como todos os anos na igrexa de Santa María ás 13.00 horas. Formarán parte deste belén os rapaces do colexio, que encarnarán as diferentes personaxes do nacemento, que volverá ter unha temática que unirá a todos.
Ademais, o día 5 de xaneiro terá lugar de nova a cabalgata de Reis, que sairá pola tarde dende a praza do Concello e paseará polas rúas de Meira ata o pavillón, onde os Reis Magos se sumarán á festa que se organiza para poder recoller as cartas dos pequenos e escoitar as súas peticións.
Como todos os anos, os Reis percorrerán o camiño ata o pavillón sobre as súas carrozas.
Completa a programación o día 31, unha festa de despedida do ano a partir das 12.00 horas do mediodía. Haberá badaladas, sesión vermú e festa na praza do Concello. Está organizado polas asociacións.