Unha explotación de porco celta de Friol, exemplo de crecemento

TerraChaXa
14 Ago 2019

Representantes políticos e membros da directiva de Asoporcel, asociación de criadores de porco celta, visitaron unha explotación de Friol que está considera como un exemplo de modernidade xa que incorporou unhas novidosas instalacións modulares, transportables e de funcionamento autónomo, que favorecen o aproveitamento silvo-pastoril do monte en réxime semi-extensivo e contribúen a poñer en valor esta raza.

O sector porcino ten unha gran importancia e dimensión na comunidade galega, xa que abrangue arredor de 1.150 explotacións industriais (sen contar as de autoconsumo), cun censo total de 1.200.000 animais. Trátase dunha raza autóctona propia que destaca pola súa calidade e polo feito diferencial que representa dentro da cabana gandeira galega.

Tendo en conta esta relevancia do porco celta, a Xunta colabora con Asoporcel cun investimento dende o ano 2010 de arredor de 760.000 euros para a preservación do seu patrimonio xenético e, de modo xeral, no seu mantemento en pureza dentro de condicións naturais axeitadas.

Este tipo de explotacións teñen diferentes vantaxes, como seren máis viables economicamente e de contribuír a obter unha maior rendibilidade coa actividade gandeira ou a de favorecer un aproveitamento óptimo da matogueira para a alimentación do gando, de forma que se consegue unha prevención efectiva fronte os incendios forestais. Así, no caso concreto do porco celta, está demostrada a capacidade desta raza como 'rozadoira natural' no monte.

0.18040609359741