Unha gala conmemorou en Vilalba os 50 anos do Certame Literario
Vilalba vivirá este ano unhas longas festas patronais que comezaron xa hai unha semana coa xira campestre, pero que se inauguraron de forma oficial coa celebración da gala do L Certame Literario do Concello de Vilalba, na que tamén interveu Miguel Barrera, pregoeiro das festas.
Andrea Fernández Maneiro, gañadora da quincuaxésima edición do certame literario máis antigo de Galicia coa súa obra Meridiano Orixe, recibiu na gala o premio que recoñece o seu logro. Ademais dun agasallo floral, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, fixo entrega á gañadora do cheque por un valor de 7.000 euros cos que está dotado premio vilalbés de poesía en galego.
Previamente, o acto contou coa intervención da Escola Municipal de teatro de Vilalba e as agrupacións locais Corredores de Sombras e Entre Lusco e Fusco, correndo a cargo de Xulio Xiz e Loli Soto a presentación da gala. Ademais, o público puido gozar doutras actuacións musicais protagonizadas pola Asociación Cultural Movemento, a Minibanda e a Banda de Música de Vilalba, encargada de pechar o acto.
Pola súa banda, Xosé Miguel Barrera Vázquez, pregoeiro desta edición das festas patronais e gañador do Certame Literario do Concello de Vilalba na edición do ano 2019, deu lectura á súa intervención na que aproveitou para facer unha mención especial ao 50 aniversario do Certame Literario, así como abordar a teima do escritor, dar voz a algunha das súas obras vencelladas a Vilalba e poñer en valor a importancia dos poetas vilalbeses que seguen en activo.
Así mesmo, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco lembrou a "todos aqueles que dunha maneira ou doutra contribuíron a facer do noso certame un dos máis prestixiosos de Galicia e o decano dos certames literarios galegos", aproveitando para desexarlles a "todos os vilalbeses e vilalbesas que pasedes unhas felices festas, con saúde e prosperidade, espremendo ao máximo esta datas".
A GAÑADORA
Andrea Fernández Maneiro, nada en Carril-Vilagarcía de Arousa o 10 de febreiro do 1964 é locutora de radio "de vocación e profesión". Traballou na Cadena Ser, na Radio Galega e en varias emisoras municipais, mais agora só exerce de forma puntual logo de quince anos alonxada dos micrófonos. O seu hábitat natural é a poesía, en letra e imaxe aínda que ás veces déixase levar por microrrelato.
A xornada concluíu co concerto do grupo Tanto nos ten, na praza de Santa María, dentro do programa Emprazadas.