Unha imaxe deseñada nas Pontes para as Pontes

TerraChaXa
A deseñadora pontesa Laura DEcibreiro foi a encargada de elaborar o cartel das patronais
laura-decibreiro-desenadora-cartel-festas-as-pontes
15 Jul 2025

Na liña de manter e poñer en primeira fila o traballo dos veciños e veciñas das Pontes durante as festas, nesta ocasión o encargo do cartel quedou tamén na propia vila. A responsable foi a artista pontesa Laura DEcibreiro, quen puxo en valor a oportunidade de contribuír co seu traballo creativo.

Laura recibiu directamente do Concello o encargo de elaborar o cartel das festas do Carme e da Fraga e plasmou no mesmo os eixos máis representativos dunha festa que combina pasado e presente, tradición e modernidade e foliada e relixión, unhas festas que son parte imprescindible desta localidade.

Explíquenos como foi que acabou deseñando o cartel.

Chamoume Lorena Tenreiro, a concelleira de cultura e propúxome facelo. Fíxome moita ilusión.

Que o que intenta representar nel?

Nas Pontes temos dúas festas unidas pero que celebramos de xeito distinto. O Carme é o patrón, coas procesións, os fogos artificiais, as orquestras, a xente acicálase para saír… A Fraga é máis festivaleira, coas cabanas, as merendas entre as árbores, os baños no río… Quería representar o espírito de cada unha mediante as personaxes e os elementos que as rodean. O que as une é o baile, a música, as ganas de desfrutar, iso téñeno en común.

É o primeiro cartel que fai para as festas?

Si, teño feito outros traballos para o Concello pero o das festas é a primeira vez.

Fálenos un pouco do seu traballo, cando comezou e canto tempo leva nisto do deseño?

Xa teño experiencia. Comecei a traballar no departamento de comunicación do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) xusto despois de rematar os estudios de Deseño Gráfico. Estiven alí tres anos. Logo cambiei a Dardo, un estudio de deseño e editorial especializada en arte contemporánea en Santiago, onde quedei varios anos. Cando naceu o meu fillo vin vivir ás Pontes. Púxenme como autónoma para poder conciliar e facer o que me gusta.

Cales son os traballos máis destacados?

Cada traballo é especial. Estes días presentouse un libro do que fixen o deseño para o Colexio de Xornalistas de Galicia. Do Colexio de Psicoloxía tamén fago moitas cousas, da Fegamp, a Deputación, o Concello das Pontes… Teño clientes que son empresas grandes e outros máis pequenos e próximos. O que buscan cando me contratan é un traballo coidado, creativo e profesional. A min o que máis me gusta é ilustrar e maquetar, tamén facer logos.

Algún premio?

Fun nominada dúas veces aos premios Visual.

⚙ Configurar cookies
0.20024299621582