Unha liña de alta tensión ameaza a fraga de Penas de Rodas
"Gustaríanos lanzar un #SOS á zona de Outeiro de Rei” é a frase coa que a Asociación Salvemos as Fragas de Catasós asegura "un alarmante "perigo para un dos bosques máis importantes do Concello de Outeiro de Rei. Segundo indican o espazo, que se atopa dentro da Rede Natura 2000 como Complexo Húmido da Terra Chá podería "perder boa parte das súas árbores de maior porte nos próximos meses".
Esta situación podería producirse debido á aprobación do proxecto de construción da liña de alta tensión de 132 kw do parque eólico Cordal-Ousá, que ten o proxect o agora mesmo en exposición pública. Segundo indican, a obra afectaría a máis de 350 hectáreas de bosque autóctono, "no que se atopan ademais árbores de gran antigüidade. Para el desenvolveranse rozas e e abriranse claros na contorna de áreas de especial interese paisaxístico", din.
A intervención atravesará a “área recreativa Penas de Rodas, invadindo fincas con vivendas e bens de especial interese patrimonial que forman parte do conxunto histórico artístico do Concello, así como espazos de bosque autóctono, de cuxa valía natural fomos testemuñas esta fin de semana”.
Trátase de “espazos cunha gran biodiversidade e que día tras día se van degradando pola falta de protección medioambiental, pola falta dunha política forestal rica e diversa, pola especulación do monte, polos incendios reiterados e pola desidia das administracións reinantes”, tal e como afirman dende a asociación. “Ata cando imos tolerar a destrución da nosa contorna? Non deberan ser estes os espazos a protexer? A que agarda a Administración Local para interceder pola defensa dos valores inmateriais? Poñer carteis co eslogan as árbores son vida tenlles cariño non basta, máis ben é publicidade engañosa se á hora da verdade se mira para outro lado", denuncian.