Unha liscada dará inicio ás festas de San Vicente de Begonte

San Vicente de Begonte celebrará un ano máis as súas tradicionais Festas na honra á Virxe das Neves os días 29, 30 e 31 de agosto. A programación arrincará o venres a partir das 21.30 horas cunha liscada e chourizada de balde para todos os asistentes, e continuará cunha verbena animada polo dúo Dilema.
O sábado 30 terá lugar a misa solemne ás 13.30 horas, seguida de procesión e sesión vermú amenizada polo Grupo Fénix. Xa pola noite, a festa continuará cunha gran verbena a cargo do propio Grupo Fénix e do Dúo Venus, que compartirán escenario.
O domingo 31 volverá celebrarse a misa solemne ás 13.30 horas, tamén acompañada de procesión e sesión vermú, nesta ocasión con música do dúo Venus, que repetirá á noite para poñer o broche final ás celebracións.
Ademais, anúnciase que o 31 de xaneiro de 2026 terá lugar unha nova cita festiva no campo da festa, cunha sesión vermú con comida e verbena coa orquestra Los Satélites.