Unha muralla, unha canle e cerámica castrexa foron descubertas no Castro de Saa
Cunha reportaxe audiovisual sobre os traballos desenvoltos no Castro de Saa dispoñible na súa páxina na rede social facebook, o grupo de arqueólogos dirixidos por Emilio Ramil explica os descubrimentos realizados durante a segunda intervención neste xacemento castrexo situado na parroquia pastoricense de Baltar.
Tralo desenvolvemento dos traballos aprobados por Patrimonio e realizados entre os meses de maio e xullo, os principais descubrimentos foron unha gran muralla defensiva, unha canalización ao carón do recinto habitacional moi pouco habitual no resto de Galicia, unha habitación circular e restos de cerámica de gran diversidade, entre outros elementos.
Despois dos 50 metros cadrados descubertos o ano pasado durante a primeira intervención, nesta segunda tamén foron outros 50 os metros cadrados descubertos ata alcanzar un total de 100. E a pesar de que o obxectivo principal da escavación pasaba por descubrir a muralla da que, finalmente, se destapaban 4 metros de longo e 3 de ancho recuperando as primeiras fiadas do paramento interior e baixando polas diferentes capas ata alcanzar os 1,5 metros; os traballos de área tamén permitiron sacar tamén á luz outros elementos patrimoniais.
É o caso dunha canle de canalización de auga que se estende ao longo de toda a superficie escavada ata o perfil oeste en dirección ao exterior da muralla e que “moi posiblemente continúe ata un tanque de recollida de auga”. Este elemento patrimonial foi construído con paredes de cachotería e pedras fincadas coas que evitar a filtración de augas. Durante a intervención tamén se recuperaba o solo por onde pasaría a auga. Tendo en conta que serve de cimentación á habitación en ángulo de esquina redondeada recuperada xa na campaña do 2016, a canle sería anterior á habitación galaico-romana. É, polo tanto, un elemento singular e pouco habitual na zona; xa que “no asentamento máis próximo, o Castro de Viladonga, non se ten recuperado ningunha canle similar”.
A maiores puideron comprobar que “a parede sur continúa adoptando unha forma semicircular en dirección á muralla que parece indicar que formaba parte dun torreón defensivo ou dun bastión interior como sistema de reforzo da propia muralla”. Este conxunto formaría parte dunha construción anterior á habitación galaico-romana.
Os arqueólogos tamén puideron comprobar a existencia dunha construción en ángulo tamén anterior á habitación galaico-romana e tamén anterior á canalización; xa que “un dos muros está totalmente cortado”. Neste caso tamén se recuperaba un furado de poste de sección circular.
A superposición de elementos patrimoniais é habitual neste asentamento castrexo polo que “para coñecer a relación entre eses elementos é preciso aumentar a superficie escavada, aínda que con cada intervención aparezan aínda máis incógnitas”. Emilio Ramil agarda que outras entidades colaboren co Concello da Pastoriza que, ata o momento, impulsou en solitario estes traballos; xa que se trata dun castro “ben conservado” que pode “aportar novos coñecementos sobre a vida histórica no castro con cada intervención na área”.
Por agora, o Concello procura colaboracións mentres que o arqueólogo responsable desta escavación no Castro de Saa prepara un proxecto de continuidade que permita a recuperación dos distintos elementos que conforman este complexo urbanístico de cara á súa posta en valor.
Aos labores de ampliación da área escavada e consolidación de estruturas, hai que engadir os traballos de limpeza integral da zona que remataba o Concello da Pastoriza no mes de agosto.
Cerámica
O material cerámico recuperado é “sumamente interesante” para contribuír a completar a investigación. Este ano, cando aínda se están a estudar os restos, a cerámica recuperada pertence, nunha porcentaxe superior, á época castrexa; cando os 3.000 fragmentos cerámicos recuperados na escavación da anterior campaña eran nun 90% galaico-romanos.