Unha nova edición do Correlingua reúne a 1.200 alumnos de 20 centros da provincia
O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, xunto ao representante da Asociación Correlingua, Manuel Muñíz Besteiro, participaron, este mércores nos actos da décimo novena edición do Correlingua na cidade de Lugo. O evento, co que colabora o Organismo Provincial, mobilizou a máis de 1.200 estudantes de 20 centros da provincia co fin de promover o uso do galego. Este ano o Correlingua 2019 arrancou baixo o lema O galego é a fórmula.
Santos Ramos sinalou que “dende o Goberno da Deputación, apoiamos estas iniciativas que fomentan o uso e o apoio ao galego. É un pracer ver a tanta xente nova implicada na defensa da nosa lingua, e ao mesmo tempo das nosas tradicións e da nosa cultura. Esta edición do Correlingua reuniu a 1.200 participantes, o que deixa entrever o éxito desta programación”.
O obxectivo destas actividades é favorecer a situación da nosa lingua e activar accións a prol dela, contribuíndo a través dos rapaces e rapazas a importancia de falar galego e implicándoos na súa defensa. A carreira, que se levou a cabo durante a mañá, recorreu a Praza de Santa María, Porta de Bispo Aguirre, Porta de Campo Castelo, Praza Maior e unha volta á Muralla.