Unha nova ordenanza en Vilalba inclúe unha zona azul no centro
O Concello de Vilalba ultima unha nova ordenanza de mobilidade que inclúe zona azul en determinadas rúas do centro urbano.
A zona azul aplicarase na rúa da Pravia; rúa Placido Peña ata a intersección da rúa das Pontes de García Rodríguez; rúa Campo de Puente ata Domingo Goás, e na rúa José María Chao Ledo ata a intersección coa rúa Guitiriz.
O horario será de luns a sábado de 09:00 a 14:00 horas, estando permitido o estacionamento de xeito gratuíto nun período máximo de noventa minutos.
Tamén se regulará o aparcadoiro subterráneo da praza da Constitución de luns a sábados de 09:00 a 19:00 horas, de xeito que os vehículos só poderán estacionar neste lugar o máximo permitido de noventa minutos.
Non se implementará esta norma en Vilalba nin os domingos nin os días de feira.
“O obxectivo é dinamizar o estacionamento, que nas rúas máis transitadas non se aparque o vehículo desde a mañá ata a noite, pero deixando un amplo marxe de tempo gratuíto para facer xestións ou compras”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas do Concello de Vilalba.
O documento será presentado proximamente a todos os grupos municipais na busca de consenso para a posta en marcha desta medida, necesaria para unha correcta mobilidade.