Unha pontesa creou un envase sostible para o sector lácteo

TerraChaXa
Un proxecto para desenvolver un envase sostible para o sector lácteo, liderado por María Martínez Lodeiro, nativa das Pontes de García Rodríguez, foi seleccionado para participar na sexta edición do Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario galego impulsada pola Xunta de Galicia.
31 Dec 2023

Un proxecto para desenvolver un envase sostible para o sector lácteo, liderado por María Martínez Lodeiro, nativa das Pontes de García Rodríguez, foi seleccionado para participar na sexta edición do Business Factory Food (BFFood), a aceleradora vertical do sector alimentario galego impulsada pola Xunta de Galicia.

A pontesa desenvolverá unha nova solución de envasado sostible para o sector lácteo empregando papel creado a partir de subproductos alimentarios que aumente a vida útil dos alimentos e a súa sustentabilidade.

O proxecto xa foi elixido en xuño deste ano no segundo programa de incubación foodtech que impulsa Madrid Food Innovation Hub, o primeiro centro de emprendemento en alimentación enfocado a fomentar a innovación ao longo de toda a cadea de valor agroalimentaria. Actualmente estase desenvolvendo unha primeira fase para crear o produto mínimo vital na Escola A Vide de Madrid.

O proxecto, que foi seleccionado xunto a outros nove no programa de aceleración, conta cun equipo de cinco persoas: tres técnicos do sector alimentario e con formación en ciencias químicas e dous responsables de marketing e comunicación.

Grazas ao BFFood, os proxectos beneficiarios recibirán apoio integral e especializado, acceso a mentoría, formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios especificamente concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento. O obxectivo é impulsar a súa idea innovadora para facer fronte aos retos do sector alimentario.

No caso do programa de aceleración, de nove meses de duración, cada startup poderá acceder a financiamento do Goberno galego a través da Axencia Galega de Innovación, de 25.000 euros a fondo perdido, e de XesGalicia, a través dun préstamo participativo que podería levar aparellada unha opción de capitalización de ata 50.000 euros.

0.13923096656799