Unha publicación recolle os traballos de investigación do Premio Xermade na historia

TerraChaXa
Os traballos premiados nas dúas primeiras edicións do Premio Xermade na Historia que convocan o Concello de Xermade e a Asociación de Veciños de Cabreiros serán os protagonistas da edición dun libro do Servizo de Publicacións da Deputación que se presenta o sábado 16 de decembro na Casa Escola de Cabreiros a partir das once da mañá coa participación dos autores, membros do xurado, as entidades convocantes e colaboradoras –no caso da USC e a Deputación Provincial-.
Foso da muralla de Cabreiros
6 Dec 2017

Os mestres Javier Gómez, María del Mar Neira e Rubén Arrojo son os autores de “Xermade castrexa e galaico-romana”, o traballo vencedor da primeira edición do Premio Xermade na Historia. Sobre o seu estudo a web -xermadearqueoloxica.es- recolle dez xacementos arqueolóxicos do municipio. A importancia da vila romana de Vilar da Graña (Roupar) tamén foi abordada neste traballo que aporta reproducións e estimacións dos espazos.

“A neveira de Lousada no camiño Mondoñedo-Ferrol: pasado, presente e futuro” é a achega de Yesmina Seijas e Sofía Paleo a este libro ao obter o segundo premio da primeira edición. O estudo recolle “un exemplo de arquitectura popular de interese etnolóxico que propiciou no pasado, o desenvolvemento dunha actividade vencellada á produción e extracción de xeo en plena Serra de Carba”.

Pola súa mención honorífica, tamén se recollerá a publicación de “Dúas historias escritas en carbón. Arqueoloxía e arqueobotánica de estruturas relacionadas co carboneo e o procesado de mineral en Folgoso (Xermade – Lugo)”, de María Martín e Andrés Teira.

A igrexa de Santo André de Lousada e unha Escolma do patrimonio cultural da auga no concello de Xermade -muíños, batán e fábrica da luz- completarán o volume. Trátase do primeiro e segundo premio da pasada edición que recaían en Silvia Blanco, por unha banda, e en Ramón Cedrón e Antonio Riveira, pola outra. A doutora arquitecta pretende “explicar en detalle o edificio e o contexto no que foi construído para que a sociedade tomara conciencia de que se encontraba ante unha arquitectura moi valiosa, digna de ser conservada”.

O traballo do abogado e o técnico agrícola “fai un repaso polo patrimonio hidráulico no Concello de Xermade, a súa evolución histórica, clasificación e propiedade dos muíños, entre outros datos. Tamén recolle un inventario de todos os muíños e outros elementos ligados á auga no Concello de Xermade”.

0.19140791893005