Unha sentenza obriga á Xunta a pagar ao Concello de Muras parte dunha axuda polo arranxo dun camiño

TerraChaXa
Rebaixara a subvención máis de 7.500 euros alegando que se trataba da mesma vía aínda que o Concello demostrou que eran tramos diferentes
concello-muras
20 Jan 2025

O Concello de Muras vén de recibir a sentenza que obriga á Xunta, concretamente á Consellería de Medio Rural, a ingresar parte dunha axuda do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023.

O concello solicitou en base a ese plan unha axuda de 67.269 euros para executar obras no camiño desde o Campo da Cruz ata Abidueira. A entidade pública concedeu a axuda rebaixando ata 59.712 euros alegando que unha parte da obra de refería a unha actuación pola que xa recibira axuda polo que descontou os 7.556 euros correspondentes.

Ante esta situación reclamou o Goberno local alegando que as intervencións se realizaron en tramos diferentes do mesmo camiño e que se levou a cabo tamén a limpeza das cunetas, un traballo que non se fixera con anterioridade.

No fallo do proceso contencioso administrativo recoñécense as demandas do Concello de Muras e obriga á Xunta a facer o pago desa diferenza de máis de 7.500 euros.

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, valorou moi positivamente esta sentenza e acusou á Xunta de "discriminar" aos concellos pola súa cor política. Afirmou que o Goberno galego realiza convenios con concellos "da súa corda" e fan investimentos que lle corresponderían a Muras.

0.16619801521301