Unha tradición floral que non decae nas Pontes

As celebracións litúrxicas son indispensables para as festas da Virxe do Carme e, este ano, darán comezo o venres 11 co inicio da novena, que se celebrará todos os días ás 7.30 e ás 19.30 horas nunha carpa diante da Capela do Carme. O sábado 19 chegará ao seu final ás 20.00 horas, un día despois do comezo oficial das patronais. Ese mesmo día, ás 21.30 horas, será a procesión nocturna coa actuación da Agrupación Coral das Pontes, que foron os pregoeiros das festas o ano pasado.
Este colectivo leva traballando de forma ininterrompida desde 1974, cando botaron a andar baixo a dirección de Alfonso de la Torre, o cura de Burgás, que foi o gran impulsor. A súa composición foi flutuando cos anos, mesturando cantantes preparados e con formación musical previa con outros que achegaron só as súas ganas de cantar, o que non foi ningún impedimento para facer un grupo unido que acumula ao longo destes anos milleiros de experiencias e lembranzas.
O prato forte, será o domingo 20 ás 12.00 horas, na igrexa parroquial, cunha misa solemne de celebración da eucaristía, de novo cantada pola Agrupación Coral As Pontes. Seguidamente, será a procesión de subida da Virxe do Carme co acompañamento da banda de música cultural e recreativa das Pontes e Canavella e sobre a alfombra floral para acompañar á imaxe no último tramo de procesión, desde a igrexa de Santa María á Capela do Carme.
A elaboración da alfombra comeza na madrugada do sábado ao domingo, desde as cinco da mañá ata arredor das dez. Aínda que xa se está traballando nela desde comezos de semana, conseguindo todo o material a través dos veciños, dos diferentes negocios do pobo ou cortándose flores nun dos colexios municipais, e preparándoo para que o propio día só teñen que ocuparse de colocalos no seu lugar correspondente.
O primeiro paso é o encolado do papel que leva o deseño e, despois, seguindo as indicacións de quen o fixo, procédese a colocar os diferentes materiais ata completar o debuxo.
No proceso de recolección de flores, adoitan participar arredor de trinta persoas, vinte das cales, logo, encárganse de montar a alfombra. Incluso mencionan que xa avanzada a mañá poden atoparse cun transeúnte que sempre está disposto a botar unha man.
Moitas horas de traballo e de madruga para unha arte completamente efímera que remata pola mañá tralo paso da procesión pero que merece moito a pena polos resultados espectaculares.
O 21 a misa será ás 12.00 na honra a Santa María Magdalena na Capela para rematar o 25 co oficio á mesma hora, esta vez na honra a Santiago.