Unha trintena de persoas elabora a alfombra pola que pasa a procesión de camiño á capela do Carme
A tradicional alfombra floral volve outro ano máis para acompañar á Virxe no último tramo de procesión, desde a igrexa de Santa María á Capela do Carme.
A elaboración da alfombra comeza na madrugada do sábado ao domingo, desde as cinco da mañá ata arredor das dez. Aínda que xa se está traballando nela desde comezos de semana, conseguindo todo o material e preparándoo para que o propio día só teñen que ocuparse de colocalos no seu lugar correspondente.
No proceso de recolección de flores, adoitan participar arredor de trinta persoas, vinte das cales, logo, encárganse de montar a alfombra. Incluso mencionan que xa avanzada a mañá poden atoparse cun transeúnte que sempre está disposto a botar unha man.
O proceso comeza días antes conseguindo todos os materiais necesarios, cortando as flores e deixándoas no pavillón da Madalena. Unhas adoitan cortarse antes e outras máis tarde, en función das necesidades de cada unha, como é o caso da hortensia, que se comeza a cortar o xoves xa que é a que menos pode tardar en esnaquizarse no caso de que haxa temperaturas altas.
Como algúns anos hai escaseza de materiais, a elaboración da alfombra complétase con outros materiais, como serradura tinguida, o sal, a tulla e borras de café. A escaseza de flores así como a dificultade de atopar a cantidade necesaria nalgunhas cores concretas fai que sexa preciso o uso de serraduras tinguidas para a configuración do deseño, o sal é utilizado para realizar a cor branca e as borras de café é o material co que se realizan os perfilados dos debuxos.
É moi importante, ademais, a axuda que prestan os veciños das florarías locais, xa que adoitan doar materiais.
A propia madrugada do domingo, previamente á elaboración, un equipo de limpeza do Concello, encárgase de deixar limpa a praza antes de que comecen co traballo. Logo de aí, comezase co encolado do papel que leva o deseño e que foi distribuído na praza para continuar, seguindo as indicacións de quen deseñou a alfombra, colocando os diferentes materiais ata completar o debuxo.
O grupo designado para a tarefa de montar a alfombra divídese por parcelas e pode haber máis xente nunha parte que noutra en función do debuxo que lles toque. Ademais, tamén está a situación de que no grupo estea unha persoa maior que non se poida axeonllar polo que, nese caso, son eles os que se encargan de pasar os materiais aos máis mozos para que os coloquen eles.
As alfombras florais nas Pontes é unha tradición que conta con xa máis de 40 anos de antigüidade. Hai xente que leva desde o ano 88 acudindo a este acto, polo que os motivos para participar poden variar, desde ter unha gran devoción á Virxe, por un xeito altruísta ou ben por unha simple afección.
A devoción relixiosa é importante nestas festas, que comezan cunha novena, que este ano será entre o 12 e o 20 de xullo, ás 7.30 e ás 19.30 horas, na capela do Carme. Despois da última misa, fase a procesión nocturna á igrexa parroquial co acompañamento das bandas de música das Pontes e a de Gaitas. Será ao día seguinte, o domingo, ás 12.00 horas, cando se celebre a misa na igrexa parroquial, na que cantará a Coral das Pontes, para iniciar a procesión de baixada por riba da alfombra floral, acompañada pola banda de música e Canavella, cando tamén se fará a ofrenda floral.