Unha veciña doa ao Concello de Pastoriza un Belén feito a man de gran formato

TerraChaXa
Este está exposto no Centro de Interpretación de Fonmiñá ante a ausencia dun nacemento municipal
belen-artensal-pastoriza
20 Dec 2025

Unha veciña da parroquia de Fonmiñá, en Pastoriza, converteu este Nadal o seu belén artesanal nun proxecto colectivo ao doalo ao Concello, que o expón no Centro de Interpretación de Fonmiñá ante a ausencia dun nacemento municipal.

A iniciativa partiu de Ana Manrique, que decidiu elaborar un belén propio como reacción á falta de elementos tradicionais na decoración comercial. Inspirada nos recordos da infancia e nas costumes galegas, comezou a crear as pezas de maneira artesanal, utilizando materiais naturais e figuras pintadas a man.

O que inicialmente estaba pensado para decorar a súa casa acabou medrando ata converterse nun montaxe de gran formato, ao entender que podería cubrir un baleiro existente no municipio. O Concello aceptou a proposta e encargouse da montaxe no centro interpretativo.

O belén recrea escenas da tradición galega, con pastores, lavandeiras, muíños, fontes, camiños e edificacións populares, combinadas coa escena clásica do nacemento. A autora apostou por unha ambientación realista, coidando especialmente os detalles e as expresións das figuras.

Ana Manrique recoñece que o proceso supuxo un reto persoal e creativo, no que contou co apoio da súa contorna familiar e coa axuda de información e titoriais doutros belenistas a través das redes sociais.

A boa acollida do belén superou as expectativas iniciais, cun notable interese por parte da veciñanza e das persoas visitantes. A autora asegura que xa está a pensar en novas incorporacións para vindeiros anos, co obxectivo de seguir afondando na identidade galega e na relación con Pastoriza.

Desde o Concello destacan agradeceron á veciña de Fonmiñá, e a súa familia, esta doazón, do que cualificaron como "un Belén artesanal, elaborado completamente a man con mimo e dedicación. As figuras, modeladas e pintadas pola propia Ana, destacan polos seus detalles coidadosos e pola calidez que transmiten".

Este Nadal, o Belén formará parte da decoración municipal "para que todas e todos poidamos desfrutar do seu traballo e do seu xesto xeneroso", explicou o alcalde, Darío Cabaneiro.

⚙ Configurar cookies
0.074718952178955