Unha vintena de gandeiros reciben os diplomas do curso de xuíces de Rubia Galega

O deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este venres na clausura da décimo sétima edición do Curso de xuíces gandeiros de Raza Rubia Galega, que desenvolve a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún nas instalacións da Granxa Gayoso Castro da Deputación, situadas en Castro de Rei.
Cajoto Caserío felicitou aos preto da vintena de participantes que recibiron os diplomas acreditativos tras rematar esta acción formativa e destacou a importancia da colaboración da Deputación nesta iniciativa, sinalando que “é fundamental para mellorar e reforzar un sector estratéxico para a nosa provincia como é o agrogandeiro”. Engadiu que “a gandería é un motor económico para a nosa provincia que xera emprego e contribúe á conservación do noso territorio e identidade”.
O Deputado trasladoulles tamén o importante traballo que a institución provincial está a levar a cabo nas instalacións provincias da Granxa Gayoso e destacou a colaboración que a institución provincial mantén con Acruga na recría e mellora xenética da raza.
A entrega de diplomas pecha esta formación, que combinou teoría e práctica sobre o libro xenealóxico, a calificación lineal do gando vacún de carne e a valoración de animais segundo o prototipo da Rubia Galega.