Unha vintena de persoas sumáronse á primeira saída do 2026 do BTTeando por Guitiriz

O pasado domingo, 22 de marzo, celebrouse a primeira saída da oitava edición do programa BTTeando por Guitiriz, posto en marcha polo Concello e o Club Btteiros Cova da Serpe. Nesta primeira saída, unha vintena de participantes realizaron a Ruta da Cova da Serpe, cun percorrido de 20 quilómetros e 300 metros de desnivel.
A saída comezou ás 10:00 horas desde a Escola das Negradas en dirección á Cova da Serpe, un dos puntos máis altos da contorna. A primeira metade da ruta foi todo en ascenso, mentres que a segunda parte consistiu en gozar da inercia da baixada para regresar ao punto de saída.
Os máis de 20 participantes puideron gozar dunha xornada espléndida de primavera, cun ceo despexado co que desfrutar das vistas desde o alto da cova.
A próxima saída do programa será o vindeiro 12 de abril, coa ruta Btteando polo Pantano.