Unha vintena de producións ecolóxicas xuntáronse este sábado en Parga

Parga, en Guitiriz, acolle o I Encontro Ecolóxico Galego, organizado pola Plataforma de Produtoras e Produtores Ecolóxicos de Galicia (Proecogal) coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Unha vintena de producións ecolóxicas de distintos puntos de Galicia -de produtos da horta, mel, ovos, queixo, carne de tenreira, herbas aromáticas, setas, viños e licores, pizzas e empanadas ou tecidos de lá – venderon os seus produtos no campo da feira, nunha xornada que contou tamén con outras actividades como obradoiros de cociña con Martín Mantilla e Begoña Vázquez, cestería con Lola Tourón e traballo con ferro con Víctor Uriz.
No contexto da xornada, Isabelle Gómez, de Traloagro, Ana da Cernada, de Sen Máis, Mar Pérez Fra, profesora da USC e especialista en Desenvolvemento Rural e a creadora de contidos sobre a vida no rural Nuska Chousa participaron nunha mesa redonda na que abordaron os retos da produción ecolóxica en Lugo, na que é a provincia galega con maior superficie dedicada a este modelo produtivo, e no resto de Galicia.