Unha xata acada na Poxa de gando frisón en Friol o prezo máis alto ata a data
A terceira edición da Poxa de gando frisón en Friol, celebrada este sábado, destacou pola súa gran acollida e polo récord acadado no prezo dunha xata, que foi vendida por 5.000 euros, o maior rexistrado ata o momento.
O evento, organizado por Africor en colaboración co Concello, tivo lugar no mercado gandeiro a partir das 12.00 horas e reuniu un numeroso público. A participación foi elevada, con oito ganderías de diferentes concellos lucenses como Cospeito, Chantada, Pol, Láncara, O Páramo, Sarria, Lugo e Friol, que presentaron 16 exemplares: once vacas paridas e cinco xatas.
A xornada transcorreu nun ambiente animado, coa satisfacción dos organizadores por vender a totalidade dos animais presentados. Ademais do récord alcanzado, o prezo medio de venda foi notable, situándose en 3.147 euros. A xata que marcou o límite pertencía á gandería Casa Gabino de Friol, confirmando o alto nivel dos exemplares postos á poxa.
O alcalde, José Ángel Santos, quixo recoñecer o esforzo de todas as ganderías implicadas e destacou o traballo conxunto que fixo posible este éxito. "É un orgullo ver como eventos coma este seguen a medrar e a consolidarse grazas á implicación do sector e á colaboración con Africor", afirmou.