Unha xeoruta circular por Burela é a novidade que este ano oferta o concello aos turistas

TerraChaXa | AMariñaXa
10 Jul 2019

Burela presentou unha nova edición das Xeorutas que terán lugar este verán. Son as de A Marosa, O Perdouro e O Cantiño. Ademais, como novidade este 2019 inclúe unha Xeoruta Circular por Burela, cunha duración de seis horas e que está prevista para os días 18 de xullo e 28 de agosto. Esta fai un percorrido polas tres rutas xeolóxicas de Burela, ademais de visitar as praias, os paseos marítimos e a subida ao Monte Castelo.
O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, anunciou que “desde o Concello de Burela, a Delegación de Turismo e a de Medio Ambiente, vimos de presentar unha nova edición das Rutas Xeolóxicas para este verán 2019. Vanse desenvolver os meses de xullo, agosto e setembro”.
O edil burelés salientou que “como novidade este ano incluímos unha Xeoruta Circular, que vai ter unha duración aproximada de seis horas. Vai pasar por todas as zonas xeolóxicas que temos en Burela e tamén por todos os paseos e as praias acabando no Monte Castelo. Vai haber un día desta ruta en xullo e outro en agosto, para probar que resposta ten por parte da xente, que esperamos que sexa positiva. Nesta ruta é necesario levar a comida porque é moi longa, para pasar un día dando un paseo e coñecendo toda a riqueza xeolóxica de Burela”.
Fernández Rey engadiu que “as outras rutas, como os anos anteriores e en Semana Santa, temos a do Perdouro, a do Cantiño e A Marosa que tamén teñen as súas peculiaridades. Comezamos agora no mes de xullo e para os vindeiros meses temos unhas datas fixadas para facelas”.
O responsable de Turismo dixo que “todo o mundo que estea interesado pode achegarse á Oficina de Turismo de Burela, e ver a información de cando van ser, o horario e as frecuencias destas rutas”.
Ramiro Fernández engadiu que “esta oferta ven completar o que vimos de presentar a semana pasada que son as rutas da lonxa, que tamén teñen moitísimo éxito. Penso que complementando con todos os atractivos turísticos que temos en Burela como poden ser as praias, o barco museo ou as redeiras, temos unha oferta turística importante e interesante e a xente que nos visite vai ter cousas que facer en Burela se quere quedarse unha tempada con nós”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16605496406555