Unhas 1.500 persoas participarán na próxima edición da Samurai Xtreme Race das Pontes

A Sala Juan Gallo da Deputación da Coruña acolleu a presentación oficial da VIII edición da Samurai Xtreme Race, que se celebrará o vindeiro 6 de xullo no concello das Pontes e que nesta edición acollerá a final do Campionato de España OCR Liga AOCO 2025.
O acto contou coa participación do deputado de Deportes, Antonio Leira, o responsable da organización do evento, José Cope, e a presidenta da Cámara Mineira de Galicia, Cecilia Trancón.
Antonio Leira destacou que a proba "promove dous valores do deporte que consideramos importantes como a igualdade e o traballo en equipo", xa que homes e mulleres de todas as idades compiten xuntos e traballan conxuntamente para cumprir obxectivos.
"Desde a Deputación da Coruña apostamos por apoiar a celebración de grandes eventos deportivos como este, que reúnen a deportistas do máximo nivel e que, ademais de fomentar o deporte, contribúen a proxectar a imaxe da nosa provincia a nivel nacional e internacional", afirmou o deputado de Deportes, que lembrou que a Samurai Xtreme Race é un dos dos 24 grandes eventos deportivos que financia este ano a Deputación, cun investimento global de medio millón de euros.
José Cope, organizador do evento, destacou que se trata dun evento consolidado que contará con máis de 1.500 participantes nas diferentes categorías e incidiu no incremento constante das inscricións femininas que rexistra a proba nos últimos anos. "A Samurai Xtreme Race deste ano é ademais campionato de España. O que gañe nas Pontes vaise proclamar campión ou campioa de España", subliñou.
Pola súa banda, a presidenta da Cámara Mineira de Galicia, Cecilia Trancón, fixo referencia á contorna privilexiada na que se celebra a proba "un exemplo de restauración mineira a nivel europeo".
Desde a súa creación, esta carreira de obstáculos consolidouse como unha das máis prestixiosas do Estado, tanto pola súa esixencia física como polos valores que promove: superación, solidariedade, integración e respecto polo medio ambiente.
A edición deste ano contará cun percorrido de 10,3 quilómetros e máis de 70 obstáculos naturais e artificiais, nun trazado técnico e espectacular que reunirá ás e aos mellores especialistas estatais en OCR, ademais de centos de participantes populares.
A maiores da competición oficial, o evento incluirá probas paralelas de carácter solidario a favor da Fundación Degén, como a Samurai Junior Race e unha carreira tradicional de campo a través. Actividades que reafirman o compromiso social da organización coas enfermidades dexenerativas e coa inclusión.
Un dos obxectivos da proba segue sendo aumentar a participación feminina, que este ano xa representa o 41 % das inscricións, consolidando o evento como exemplo de igualdade, compañeirismo e traballo en equipo.
A Samurai Xtreme Race aposta tamén por un modelo sustentable e responsable, cun firme compromiso coa protección do medio ambiente e a promoción de hábitos de vida saudables.
O evento conta co apoio da Deputación da Coruña, o Concello das Pontes de García Rodríguez, a Cámara Mineira de Galicia e de empresas como o Centro Porsche Coruña, entre outras entidades colaboradoras.