Unhas 20 familias participan no programa de Educación Familiar das Pontes
O Concello das Pontes atende, por segundo ano consecutivo, a máis dunha vintena de familias da localidade a través do programa de educación familiar co obxectivo de mellorar a súa situación sociofamiliar.
Trátase de familias que se atopan en situación de vulnerabilidade ou unidades familiares que precisan dun apoio para mellorar as súas capacidades parentais, reducir ou eliminar carencias e conflitos familiares.
“A través deste programa tratamos de facilitarlles os medios precisos para lograr o desenvolvemento integral das súas funcións e das súas habilidades, fortalecendo os vínculos do sistema familiar, prestándolles axuda persoal, emocional e de acompañamento na toma de decisións, na resolución de conflitos e na mobilización de recursos propios e da contorna” apunta Tania Pardo, concelleira responsable da área de Benestar Social.
O programa, que forma parte da estratexia de inclusión social de Galicia, cofinanciada pola Unión Europea a través do programa FSE Galicia 2014-2020 para promover a igualdade, a saúde e a inclusión social, atende na actualidade a medio centenar de persoas e presta asesoramento, información e orientación sobre recursos, formación ou emprego aos rapaces e rapazas da vila.
Entre as diferentes actividades que se levan a cabo no programa de educación familiar destacan a atención individualizada para a detección de necesidades e un plan de visitas domiciliarias orientadas a mellorar as capacidades e habilidades parentais, acompañado do seguimento periódico e personalizado das familias.
Desde o programa tamén se poñen en marcha accións para axuda á creación e mellora das rutinas da vida e á organización das familias na procura de pautas máis saudables, para o fomento do ocio creativo, tanto dentro como fora da unidade de convivencia, para o reforzo e apoio socioeducativo para potenciar o desenvolvemento da rapazada así como o fomento do voluntariado para potenciar a colaboración e a solidariedade entre os rapaces e as rapazas.