Unhas 200 asociacións reciben as axudas para equipamento e investimentos da Deputación

Máis de 200 asociacións culturais figuran como beneficiarias das axudas para equipamento e melloras en locais de uso cultural convocadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O Boletín Oficial da Provincia publicou o pasado sábado a resolución provisional desta convocatoria de axudas, cun orzamento de 185.000 euros.
A compra de equipos informáticos e musicais, mobiliario ou actuacións de mantemento e mellora en locais son o destino da maioría das achegas que recaen fundamentalmente, en pequenos colectivos culturais e veciñais de parroquias e en asociacións vinculadas á formación musical.
A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “a resposta á convocatoria, que medra cada ano en solicitudes, reflicte o crecente dinamismo das asociacións, unha rede fundamental para facilitar o acceso á actividade cultural e crear espazos de socialización e convivencia arredor da cultura e do patrimonio, especialmente nas parroquias e concellos máis pequenos".
Coa publicación da resolución provisional, establécese un prazo de 10 días hábiles (ata o 7 de novembro) para a presentación de alegacións.
Nos vindeiros días publicarase a resolución de axudas para a realización de actividades culturais, cun orzamento de 315.00 euros, que completa a rede de apoio económico da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao tecido cultural da provincia.
