Unhas 30 persoas participaron na andaina popular contra a violencia de xénero de Outeiro de Rei

Outeiro de Rei celebrou este domingo, 23 de novembro, a súa Andaina Popular contra a Violencia de Xénero, unha iniciativa organizada polo Concello con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A actividade, que forma parte do compromiso municipal coa sensibilización e a mobilización social fronte ás violencias machistas, contou coa participación duns trinta veciños e veciñas.
A marcha iniciou o seu percorrido ás 11:00 horas desde a Praza do Concello. As persoas participantes completaron un traxecto de aproximadamente 6 quilómetros, entre Outeiro de Rei e Robra, seguindo a senda Outeiro de Rei–Guillar. A andaina, apta para todos os públicos, desenvolveuse ao longo de algo máis de dúas horas nun ambiente de convivencia, reflexión e apoio colectivo ás vítimas da violencia de xénero.
Desde o Concello destacaron a importancia de manter vivo o compromiso social arredor do 25N e agradeceron á veciñanza a súa implicación. Subliñaron tamén que actos simbólicos como esta andaina contribúen a visibilizar unha problemática que require da responsabilidade conxunta de toda a sociedade para avanzar cara a un futuro libre de violencias contra as mulleres.