Unhas 30 persoas participaron na primeira saída do ano do BTTeando por Guitiriz

TerraChaXa
A Ruta da Ruxida foi todo un éxito en canto a participación, e a próxima será o 16 de marzo
btteando-por-guitiriz-a-ruxisda
10 Feb 2025

O programa BTTeando por Guitiriz reuniu a máis de 30 participantes na Ruta da Ruxida, a primeira saída do ano 2025 da iniciativa posta en marcha polo Concello e o Club Btteiros Cova da Serpe.

A saída tivo lugar o domingo 9 de febreiro e congregou a un importante número de participantes, sobre todo tendo en conta as condicións climatolóxicas adversas, xa que a chuvia estivo presente durante toda a xornada.

Os asistentes comezaron o percorrido ás 10:00 horas desde o Campo da Feira de Guitiriz, mesmo punto no que foi a chegada varias horas despois, cando remataron os 23 quilómetros que os levaron a visitar o Muíño da Ruxida e a súa fervenza.

A próxima saída da sétima edición do programa BTTeando por Guitiriz está programada dentro dun mes, coa Ruta Á Cova da Serpe, que nun principio terá lugar o domingo 16 de marzo.

0.16997504234314