Unhas 30 persoas participaron na Ruta das Bidueiras do programa Guitiriz en Ruta

TerraChaXa
Na saída realizouse un percorrido de 14 quilómetros pola contorna de San Breixo de Parga
ruta-as-bidueiras-guitiriz
28 Oct 2025

O programa municipal Guitiriz en Ruta, organizado polo Concello, celebrou o pasado domingo, 26 de outubro, unha nova saída coa realización da Ruta das Bidueiras, na que participaron 32 veciñas e veciños que gozaron dunha agradable xornada de sendeirismo pola contorna de San Breixo de Parga.

Durante a actividade, os participantes completaron un percorrido de aproximadamente 14 quilómetros, con saída e chegada desde San Alberte. A primeira parte da andaina percorreu o tramo de San Alberte á Área Fluvial de Baamonde pola coñecida Ruta dos Caneiros, mentres que a segunda parte seguiu o Camiño Norte de Santiago, entrando posteriormente na Ruta das Bidueiras.

Ademais, realizouse unha pequena desviación para ascender ao vértice xeodésico do Monte do Fro, situado a uns 581 metros sobre o nivel do mar, desde onde o grupo puido contemplar unhas excelentes vistas da paisaxe.

A vindeira saída desta sétima edición do programa está prevista para o domingo, 30 de novembro, coa realización da Ruta dos Muíños do Río das Gándaras, no Concello de Vilasantar, que será a penúltima cita do calendario deste ano.

⚙ Configurar cookies
0.074462890625