Unhas 50 persoas comezan nas Pontes o programa da UNED Sénior
Preto de cincuenta veciños e veciñas das Pontes, maiores de 50 anos, participan desde onte na sexta edición do Programa de Democratización do Coñecemento que impulsa a Universidade Sénior da Universidade da Coruña.
Tania Pardo Cabarcos, concelleira delegada da Área de Benestar Social, Igualdade, Educación e Contratación do Concello das Pontes e Elena Arce Farina, subdirectora e responsable do campus de Ferrol foron as encargadas de inaugurar esta nova edición que, un ano máis “achégase ás persoas maiores de vila, coa intención de seguir dando resposta ás súas inquedanzas e necesidades formativas como vén facendo desde a súa primeira edición, no ano 2018” apuntou Tania Pardo.
Así mesmo, a concelleira de Benestar Social agradeceu a presenza do alumnado, facendo fincapé na importancia desta iniciativa xa que “achegar a Universidade Sénior á nosa localidade supón favorecer o encontro e o envellecemento activo, poñendo en valor a experiencia vital e profesional, dándolles, a todas aquelas persoas que non tiveron a oportunidade de pasar polas aulas universitarias, unha ferramenta de crecemento persoal”
As accións formativas desenvolveranse durante os meses de marzo e abril e teñen como obxectivo prioritario revalorizar o patrimonio cultural, social e ambiental da zona, concienciar á sociedade sobre a presenza da ciencia no día a día, e recoñecer o valor das disciplinas artísticas a través do coñecemento e as vivencias.
As materias que se impartirán a través de diferentes seminarios pertencen a tres grandes áreas temáticas: Arte e Sociedade, Ciencias e Tecnoloxía e Saúde e Benestar e serán impartidas por profesorado da Universidade da Coruña, no salón de actos do IES Plurilingüe Castro da Uz o, os mércores e o os xoves, de 17:00 a 19:00 horas. Cada seminario inclúe tres sesións teóricas e unha sesión práctica con visitas a diferentes espazos de interese da contorna.
No módulo dedicado á arte e humanidades achegaranse á conservación do patrimonio industrial da man da profesora Iria Caamaño Franco, achegaranse ao mundo do dereito sucesorio coa profesora Manuela del Pilar Santos Pita e farán un percorrido pola moda a través da historia coa profesora Elvira Lezcano González.
A través do módulo dedicado á ciencia e a tecnoloxía afondarán no mundo da orientación a través das estrelas coa profesora Alsira Salgado Don, coñecerán a evolución da xestión dos residuos no eido doméstico da man da profesora Miriam Timiraos Díaz mentres que o profesor Álvaro Michelena Grandío achegará ás persoas participantes ao mundo da sustentabilidade e eficiencia enerxética.
Finalmente no terceiro módulo do programa, dedicado ás ciencias da saúde, da man da profesora Fátima Santaballa Borreiros achegaranse aos coidados do pé, coa profesora Raquel Veiga Seijo reflexionarán sobre o edadismo e coa profesor Rosa Meijide Faílde abordarán os efectos das augas termais na saúde.