Unhas 50 persoas participan este sábado nas Pontes nunha xornada para amantes da fotografía

TerraChaXa
'Revela' está deseñada como unha experiencia inmersiva e práctica, cun enfoque creativo e técnico
recurso-camara-fotografia
2 Oct 2025

As Pontes acollerá o 4 de outubro unha xornada formativa e experiencial dirixida a persoas amantes da fotografía, tanto afeccionadas como profesionais, que desexen mellorar as súas habilidades, compartir coñecementos e descubrir a riqueza visual e natural do concello desde unha nova perspectiva.

A actividade, organizada polo Concello das Pontes en colaboración con Fotowalk Galicia, leva por título Revela e está deseñada como unha experiencia inmersiva e práctica, cun enfoque creativo e técnico. A cita reunirá a 50 participantes, procedentes de toda Galicia, e estará guiada polo recoñecido fotógrafo profesional Xosé Durán.

A xornada dará comezo pola mañá na Casa Dopeso cunha Masterclass sobre iluminación natural en exteriores, na que Xosé Durán abordará técnicas para controlar a luz, evitar sombras indesexadas e acadar retratos en exteriores cun alto impacto visual.

A continuación, desenvolverase un obradoiro práctico en interior centrado no uso de flashs e esquemas de iluminación creativa, ideais para destacar suxeitos ou produtos, e para a creación de escenas con narratividade visual. Esta parte da actividade está pensada como un espazo para experimentar e afondar na expresión persoal a través da fotografía.

Xa pola tarde, a partir das 15:00 horas, terá lugar un camiño fotográfico guiado, de aproximadamente tres horas de duración, por algúns dos enclaves naturais máis destacados do municipio, como o lago das Pontes, a contorna do río Eume e outros espazos de gran valor paisaxístico.

Durante o percorrido, as persoas participantes contarán co acompañamento dun guía local e de Xosé Durán, quen ofrecerá asesoramento técnico e creativo en tempo real, axudando a aplicar os coñecementos adquiridos ao longo da xornada.

⚙ Configurar cookies
0.094229936599731