Unhas 50 persoas participan nas Pontes na cuarta edición da Universidade Sénior
O Concello das Pontes inaugurou onte a cuarta edición do programa de Democratización do Coñecemento, promovido polo Concello das Pontes, a Universidade Sénior e o Vicerreitorado de Oferta Académica e Innovación Docente da Universidade da Coruña, no que participan medio centenar de ponteses e pontesas maiores de 50 anos.
Durante este acto, a concelleira de Benestar Social, Tania Pardo, agradeceu a presenza do alumnado, facendo fincapé na magnífica acollida desta iniciativa por parte da veciñanza “ que ten, de novo, a oportunidade de participar no desenvolvemento de actividades de formación científica e cultural”
Así mesmo, a concelleira destacou a importancia desta acción formativa para o municipio e os seus veciños e veciñas. “Achegar a Universidade Sénior á nosa localidade supón favorecer o encontro e o envellecemento activo, poñendo en valor a experiencia vital e profesional, dándolles, a todas aquelas persoas que non tiveron a oportunidade de pasar polas aulas universitarias, unha ferramenta de crecemento persoal” apuntou Pardo.
O programa formativo articúlase entorno a tres módulos centrados en aspectos relacionados, en primeiro lugar coa Arte e as Humaniaddes con charlas sobre terapias contra a adverisade, patrimonio tradicional e preindustrial de Galicia e xeoloxía romántica nas Pontes.
O segundo módulo versará sobre Ciencias Xurídicas e Sociais con unha clase sobre cultura e medio ambiente, outra sobre globalización, medioambiente e poboación e outra clase sobre tendencias penais de actualidade.
O último módulo, adicado ás Ciencias de Saúde, abordará cuestións como a comunicación xestual, as estratexias para persoas coidadoras de persoas en situación de dependencia e a influencia da actividade física na calidade de vida.
Cada seminario inclúe ademáis unha sesión práctica con visitas a diferentes espazos de interese da contorna así como un obradoiro sobre exercicio físico e un taller no que se simulará un xuízo.