Máis de mil persoas reuniranse para celebrar o 40 aniversario do CEIP Terra Chá


O Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Terra Chá, situado na parroquia vilalbesa de Román, organiza para este sábado, 22 de marzo, un acto conmemorativo do seu 40º aniversario.
A proposta principal é un xantar popular no que participarán profesorado e alumnado actual xunto con antigos docentes e estudantes, familias e demais persoas que tiveron relación co centro ao longo do tempo. Están previstos uns 1.100 asistentes só para a comida.
Ademais do xantar está prevista unha sesión vermú con JB Son e a recreación da verbena galega de antes con Xabi Iglesias e O Xeito sobre as 19.00 horas. Finalizarán cunha verbena aberta ao público con París de Noia e Los Satélites.
Tamén será inaugurada a escultura 40 anos de ensino rural, realizada pola artesá Clara Naseiro; e abrirase unha exposición fotográfica que repasa as catro décadas de historia do colexio, sen faltar varios sorteos.
O delegado da Xunta, Javier Arias, puxo ao CEIP Terra Chá como exemplo “do prestixio do ensino no rural galego”, un “modelo de éxito grazas ao traballo e á implicación do profesorado”. Salientou os datos de matrícula do centro, que acumula seis cursos cun notable ascenso. Así, nos últimos seis anos pasouse de 52 alumnos e alumnas de Infantil e Primaria aos 73 actuais.
LE A REPORTAXE SOBRE OS 40 ANOS DO CENTRO
