Unhas 700 persoas visitaron o belén de Begonte o día de apertura
Arredor de 700 persoas visitaron o Belén de Begonte no primeiro día de apertura ao público neste tempo de Nadal no que a instalación celebra o seu primeiro cincuentenario.
O venres 2, con motivo da inauguración desta celebración, o Belén funcionou para os arredor de douscentos asistentes aos actos de apertura de O Nadal de Begonte. Tamén funcionou o domingo, especialmente para os asistentes á misa celebrada na igrexa parroquial polos amigos do belén falecidos.
O primeiro día de funcionamento ao público foi o domingo, día 4, en horario de 11 a 13 e de 16 a 19, cunha asistencia de alomenos 700 persoas.
Ata o Nadal, e desde o día de Reis ao 28 de xaneiro, o Belén abrirá só os sábados, domingos e festivos, e desde o Nadal ata o Día de Reis todos os días.
Para asistir de xeito individual ou en familia, non hai que facer ningunha xestión previa. Si o teñen que facer os que organicen viaxes colectivos – centros educativos, asociacións, entidades...- que deberán avisar previamente ao teléfono 610.907306 (Carlos) para ser atendidos á hora que se acorde.
Cada pase do belén – de entrada gratuíta – ten unha duración de 14 minutos. E poden asistir en cada sesión arredor de cincuenta persoas.